A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático respondeu hoxe unha interpelación parlamentaria sobre a iniciativa empresarial que se quere implantar en Palas de Rei

A Xunta lembra que son os técnicos os que determinan se proxectos industriais como o de Altri son viables ou non e insta a deixalos traballar sen presións

Ángeles Vázquez defendeu o labor escrupuloso, rigoroso e exhaustivo que realizan os profesionais do Executivo galego e incidiu en que o procedemento ambiental ao que se someten este tipo de iniciativas é totalmente garantista

A conselleira pide aos partidos da oposición que deixen de difundir falsidades e os intentos de desacreditar aos técnicos pois en Galicia unicamente se implantarán aqueles proxectos que garantan a protección ambiental

Santiago de Compostela, 25 de febreiro de 2025

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, lembrou hoxe no pleno do Parlamento que son os técnicos da Xunta os que determinan se proxectos industriais como o que Greenfiber (Altri) quere desenvolver en Palas de Rei son viables ou non. Por iso, instou a deixalos traballar sen inxerencias externas nin presións políticas.

A responsable autonómica defendeu o labor escrupuloso, rigoroso e exhaustivo que realizan os profesionais do Executivo galego que están a avaliar a posibilidade de implantar esta fábrica de fibras téxtiles en Galicia, que son os que ditaminarán se cumpre os requisitos medioambientais exixidos pola normativa vixente.

Neste sentido, incidiu en que este tipo de iniciativas teñen que superar un procedemento totalmente garantista, regrado por lei, que recolle os trámites a realizar e os informes que son necesarios. De feito, a conselleira remarcou que a viabilidade desta factoría dependerá única e exclusivamente dos resultados dos informes técnicos e do trámite de avaliación ambiental.

Por iso, Ángeles Vázquez instou aos partidos da oposición a pensar máis no futuro de Galicia deixando de difundir falsidades en relación con este proxecto e poñer fin aos intentos de desacreditar aos técnicos que se encargan de avalialo pois en Galicia unicamente se implantarán iniciativas industriais que garantan a protección ambiental.

Nesta liña, cómpre lembrar que a factoría que se pretende instalar en Palas de Rei está aliñada coas estratexias que apoia a Unión Europea a prol da economía circular así como co obxectivo de minimizar o impacto da produción téxtil. Por iso, Ángeles Vázquez lamentou os cambios de opinión mostrados por algúns partidos simplemente co interese de sacar un rédito político e sen importarlles que iso supoña boicotear o desenvolvemento económico e social da comunidade autónoma.

Responsabilidade

A conselleira asegurou que a Xunta vai seguir sendo responsable, apoiando o labor rigoroso e imparcial dos técnicos, e velando polo interese xeral, que unicamente busca mellorar o benestar e as condicións de vida das galegas e galegos. Por iso, mostrouse convencida de que é posible garantir a compatibilidade entre a protección do medio ambiente e a economía, apostando pola xeración de emprego e de riqueza pero sempre cumprindo coa lexislación vixente.

A maiores, no marco do compromiso do Goberno galego co cumprimento dos obxectivos ambientais da Unión Europea, Ángeles Vázquez lembrou que Galicia é a comunidade na que máis se reduciron as emisións contaminantes (preto do 60%), por enriba incluso dos obxectivos europeos para 2030.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/02/2025