Miguel Corgos destaca o esforzo do Goberno galego para convocar máis de 4.000 prazas de emprego público nesta lexislatura

O conselleiro de Facenda e Administración Pública supervisou o operativo das probas da escala de axentes técnicos facultativos de educación infantil, que se celebra pola quenda de acceso libre

Incidiu no proceso continuado de convocatoria e execución de procesos selectivos para responder ás novas necesidades da Administración e da cidadanía

A proba desta mañá corresponde á escala de axentes técnicos facultativos de educación infantil, na que se inscribiron 2.822 persoas que aspiran a 124 prazas

Santiago de Compostela, 9 de marzo 2025

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, destacou hoxe o esforzo do Goberno galego para convocar máis de 4.000 prazas de emprego público nesta lexislatura. Fíxoo durante a súa visita ao recinto da Feira Internacional de Silleda, onde supervisou o operativo das probas da escala de axentes técnicos facultativos de educación infantil, que se celebra pola quenda de acceso libre, no que estaban inscritas 2.822 persoas que aspiran a algunha das 124 prazas convocadas.

Miguel Corgos Incidiu no proceso continuado de convocatoria e execución de procesos selectivos para afrontar o reto  de renovación de efectivos e responder ás novas necesidades da Administración e da cidadanía. Quixo tamén agradecer o traballo das máis de 300 persoas que están a controlar o correcto funcionamento dos procesos selectivos da fin de semana para acceder a 228 prazas de emprego público.

O conselleiro de Facenda e Administración Pública lembrou que estes procesos continuarán nos vindeiro meses, coa previsión de celebrar durante este primeiro semestre do ano os exames de 31 procesos aos que se presentan case 12.000 aspirantes que optan a 579 prazas, para especialidades como as de Auxiliar de Laboratorio, escala Superior e Técnica de Finanzas, escala de Persoal Xerocultor, escala de Xestión de Sistemas de Informática, especialidade de Enfermaría ou escala de Veterinarios.

O responsable da Facenda galega salientou que a Xunta executa un importante número de procesos selectivos cada ano, tanto para a promoción interna do persoal que xa está traballando na administración como de novas prazas co obxectivo de ofrecer empregos estables de calidade.

Desde o último trimestre de 2023 ata agora, convocáronse 40 procesos selectivos, dos que 22  foron de acceso libre, 15 de promoción interna separada e tres para persoas con  discapacidade intelectual. O total de prazas convocadas relativo a estes procesos ascende a 1.495 e recibíronse 21.534 solicitudes.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 09/03/2025