O presidente participou hoxe en Madrid no xantar-coloquio organizado polo Club Siglo XXI
Rueda reivindica a estabilidade institucional de Galicia como motor económico e industrial
Lamenta a inestabilidade do Goberno central, que penaliza ás Comunidades que cumpren coas súas obrigas
Enxalza o esforzo levado a cabo polo tecido produtivo galego para converterse nun polo de referencia no eido das renovables
Madrid, 20 de marzo de 2025
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe no xantar-coloquio organizado pola entidade Club Siglo XXI, no que analizou a realidade de presente e de futuro do territorio galego e o seu papel nacional e internacional.
O xefe do Executivo reivindicou o modelo de estabilidade institucional co que conta Galicia, subliñando que se converteu nunha marca de identidade da xestión política no territorio. Grazas a iso, a Comunidade pode ofrecer proxectos a longo prazo, con eficacia e atendendo ás necesidades da cidadanía.
Rueda tamén opuxo a gobernabilidade galega á inestabilidade do Goberno central. Neste senso, o presidente galego lamentou que a fraxilidade do Executivo estatal prexudique proxectos inversores en cada un dos territorios, así como que non mude un sistema de financiamento que penaliza ás Comunidades como rexións de segunda e non recoñece os esforzos das que cumpren coas súas obrigas.
A este respecto, Rueda recalcou que a xestión da Xunta supón un dos principais atractivos para a atracción de empresas e emprendedores a territorio galego. Un poder tractor ao que se suman as accións emprendidas polo Goberno galego cara unha economía apoiada na diversificación e na innovación como máximas, especialmente no campo das enerxías renovables.
O presidente defendeu un maior protagonismo nacional e internacional para Galicia nos vindeiros anos, e apuntou á axenda mantida nos últimos tempos, incluíndo reunións coas principais autoridades na Arxentina, Uruguai, Melilla e Andalucía. Nesta liña, o titular do Executivo galego apuntou a que Galicia quere ter voz propia para decidir o seu futuro.