A delegada territorial informou da convocatoria durante unha visita ao pavillón polideportivo de Esteiro, en Mañón

Martina Aneiros anima aos concellos a solicitar as axudas do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local para melloras da eficiencia enerxética

Esta orde da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes está destinada a municipios de ata 15.000 habitantes e conta cun orzamento de 5 M€

O prazo para presentar as solicitudes finalizar o próximo 14 de abril

Mañón (A Coruña), 25 de marzo de 2025

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, acompañada do alcalde de Mañón, Alfredo Dovale, coñeceu esta mañá as melloras de eficiencia enerxética que o Concello realizou no alumeado do pavillón polideportivo de Esteiro coas axudas do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local.

A través desta orde da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes o Concello recibiu unha achega de preto de 60.000 euros para a renovación e mellora da eficiencia enerxética nas iluminacións de varias infraestruturas deportivas do municipio como son o pavillón polideportivo de Esteiro, onde se substituíron as lámpadas dos proxectores por outras tipo LED; a pista de pádel de San Fiz e a pista polideportiva de Mañón; así como a ruta peonil do Cantábrico.

Durante a visita, Aneiros lembrou que está aberto o prazo para que os concellos con poboación inferior aos 15.000 habitantes soliciten estas axudas que teñen por obxecto financiar as obras de mellora de eficiencia enerxética en inmobles municipais, con prioridade para instalacións deportivas, educativas, sociais ou culturais.

A delegada territorial recalcou tamén que se valorará a instalación de caldeiras alimentadas con enerxías renovables ou reformas de cubertas a prol de mellorar a eficiencia enerxética en infraestruturas de uso deportivo, así como melloras na envolvente térmica, na instalación eléctrica ou na iluminación.

Esta convocatoria enmárcase dentro das medidas de apoio da Xunta ás administracións locais e conta cun orzamento de 5 M€.

A delegada territorial, que aproveitou a ocasión para animar aos concellos da contorna a solicitar as axudas antes do 14 de abril, data na que finaliza o prazo, lembrou que as aportacións poden ascender ata os 60.000 euros por concello, sen que a contía poida exceder o custo da actuación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/03/2025