O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, acompañado pola directora xeral de Xuventude, asistiron ao certame na Residencia de Tempo Libre da Xunta no Carballiño
López Campos salienta o éxito do certame Parlamento Xove que bate récord de participantes con 68 equipos
O titular de Cultura do Goberno galego destaca a profesionalidade dos 264 mozos que a través desta iniciativa “seredes as mellores voces que representen Galicia”
Preto de medio cento de universitarios competiron na fase clasificatoria, na que o tema do debate foi ‘Compénsalle a Europa apostar pola reindustralización?’
Tras 16 edicións, máis de 600 equipos de centros escolares de Educación Secundaria, Formación Profesional, Bacharelato e Universidades pasaron por este certame
O Carballiño (Ourense), 29 de marzo de 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, acompañado pola directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, asistiu hoxe á fase clasificatoria da 16ª edición de Parlamento Xove, onde salientou o éxito deste programa que bateu o récord de participantes da pasada edición, con 68 equipos nas tres categorías de Secundaria e Bacharelato, Formación Profesional e Universidade.
No acto, que tivo lugar na Residencia de Tempo Libre do Carballiño, o titular de Xuventude do Goberno galego comprobou o nivel de oratoria dos 44 mozos universitarios que, durante esta xornada, buscaban a clasificación de cara á fase final. Neste senso, destacou a profesionalidade da mocidade que, a través deste programa, dan conta da súa preparación académica.
No marco da cita, López Campos felicitou aos 264 mozos que competiron baixo a temática Compénsalle a Europa apostar pola reindustrialización?. “Seredes as mellores voces que representen a Galicia e aos galegos”, declarou e, ademais, fixo fincapé no compromiso do Goberno galego coa posta en marcha de programas que chamen á xente nova a participar activamente na sociedade.
Parlamento Xove é unha iniciativa da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude xa consolidada, que se ven celebrando desde o ano 2010. Desde o seu inicio teñen debatido máis de 600 equipos de centros escolares de Secundaria, Bacharelato e Universidades o que supón a participación de máis de 3.000 persoas entre estudantes e profesorado.
Potenciar as habilidades da mocidade
O certame impulsado pola Xunta de Galicia é unha competición na que os equipos inscritos investigan e debaten sobre un tema. A dificultade da actividade está en que só cinco minutos antes de cada encontro dialéctico procederase ao sorteo da postura a favor ou en contra a adoptar por cada equipo en relación á cuestión formulada.
A través desta iniciativa, o Goberno galego mantén o seu compromiso coa mocidade ofrecendo ferramentas que potencien as súas habilidades e competencias en eidos como a selección de información, a expresión oral e escrita, a orixinalidade, a argumentación razoada, o traballo en equipo ou a convivencia.