A Xunta aproba de forma inicial o plan básico municipal de Negueira de Muñiz para dotar ó concello dun instrumento eficaz de ordenación do territorio

O prazo de consulta e presentación de alegacións é de dous meses contados a partir de agora, trala súa publicación hoxe no Diario Oficial de Galicia

O plan deste municipio, que ten unha poboación de 240 habitantes, delimita 19 núcleos rurais en 6 parroquias, e categoriza solo rústico de especial protección agropecuaria, forestal, de augas, de infraestruturas, de espazos naturais, paisaxística e patrimonial

O plan de Negueira de Muñiz é o décimo sétimo, dos 24 catro Plans Básicos Municipais tramitados pola Xunta, en superar este trámite

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2025

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, inicia o proceso de información pública da aprobación inicial do Plan Básico Municipal (PBM) de Negueira de Muñiz. Trala publicación hoxe deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, as persoas interesadas teñen, desde agora, un prazo de dous meses para consultar o documento ou presentar alegacións.

Negueira de Muñiz é o 17º concello galego en obter a aprobación inicial do seu PBM. Trátase dun instrumento de planeamento urbanístico para municipios de menos de 5.000 habitantes que non conten cun planeamento xeral e que permite impulsar unha ordenación urbanística responsable e sostible, para garantir un territorio ordenado.

O plan deste municipio lucense, que conta cunha poboación de 240 habitantes, non clasifica ningún ámbito como solo urbano consolidado, dado que o marcado carácter rural dos seus asentamentos fai que estes encaixen mellor na definición de solo de núcleo rural.

En canto a núcleos rurais, delimita 19 nun total de 6 parroquias, todos eles de tipo tradicional (3 deles de tipo polinuclear).

O documento tamén categoriza solo rústico de especial protección agropecuaria, forestal, de augas, de infraestruturas, de espazos naturais, paisaxística e patrimonial.

Ademais o Plan cataloga ata 88 elementos que se corresponden con Bens de Interese Cultural (1) ou Bens Catalogados a nivel arqueolóxico (6), arquitectónico (37) e etnolóxico (44).

A Xunta xa ten aprobados definitivamente catro plans básicos municipais -os do Páramo, Trabada, Riotorto e Ribeira de Piquín-, 13 contan coa aprobación inicial; 4 pendentes de aprobación inicial; e 3 para os que se está redactando o seu borrador.

Data de actualización: 31/03/2025