O presidente participou hoxe na cerimonia de entrega do XII Premio á Excelencia Empresarial

Rueda reivindica o papel do Grupo Agrelo e do sector da automoción como motores de emprego e innovación en Galicia

Salienta a capacidade de todo o sector galego da automoción por adaptarse aos desafíos globais sen renunciar á súa identidade galega

Reafirma o compromiso da Xunta co apoio ao sector empresarial galego, destacando a importancia da colaboración público-privada

Santiago de Compostela, 1 de abril de 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, participou hoxe na entrega do XII Premio á Excelencia Empresarial, entregado polo Club Financeiro de Santiago ao Grupo Agrelo, axente do sector automobilístico especializado na comercialización de vehículos de alta gama.

Rueda destacou o papel fundamental da empresa homenaxeada na modernización e competitividade do sector galego da automoción, e salientou á entidade como un exemplo de excelencia empresarial, rigor, compromiso, competitividade, singularidade e calidade. Afirmou que o traballo desta firma é unha mostra clara de entender o que piden os mercados e reaccionar en consecuencia, mantendo sempre un forte compromiso co noso territorio.

O xefe do Executivo galego salientou a capacidade de todo o sector galego da automoción por innovar e adaptarse aos desafíos globais sen renunciar á súa identidade galega, contribuíndo así ao desenvolvemento local a través da xeración de emprego e oportunidades.

Neste senso, o titular do Goberno autonómico resaltou a importancia do sector da automoción na economía galega, que representa preto do 14 % do PIB e dá emprego a preto de 25.000 persoas. Neste senso, fixo alusión ao Plan Director de Automoción 2025-2027 da Xunta de Galicia, dotado con 230 millóns de euros e con case 70 medidas destinadas a mellorar a competitividade das empresas galegas ante os novos desafíos do mercado, dende a electrificación ata a mobilidade sostible.

O presidente reafirmou o compromiso da Xunta co apoio ao sector empresarial galego, destacando a importancia da colaboración público-privada para fomentar o crecemento das empresas e impulsar a internacionalización da economía galega. “Sabemos que as empresas galegas, cando contan co respaldo adecuado, teñen a capacidade de demostrar que en Galicia hai talento, ambición e visión de futuro”, concluíu.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/04/2025