O presidente autonómico mantivo unha xuntanza con José Luis Escrivá en Santiago de Compostela
Rueda destaca o eloxio do gobernador do Banco de España á xestión das contas públicas da Xunta
Salienta o compromiso do Executivo autonómico en aprobar os orzamentos en tempo e forma para poder aplicalos desde comezos de ano
Lembra que a estabilidade política e financeira permitiu a Galicia recuperar o nivel de riqueza prepandemia antes que no conxunto de España, rexistrar o paro máis baixo dos últimos 15 anos e pechar 2024 con récord de exportacións
Santiago de Compostela, 2 de abril de 2025
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, mantivo esta tarde un encontro co gobernador do Banco de España, José Luis Escrivá, ao que trasladou o seu agradecemento por eloxiar a xestión das contas públicas que realiza o Executivo autonómico.
Durante a xuntanza, Rueda destacou que a Xunta aposta desde hai anos por un modelo de xestión que ofreza certezas e seguridade tanto a cidadanía coma aos que deciden investir na comunidade. Nesta liña, lembrou que Galicia aproba os orzamentos en tempo e forma para que poidan estar vixentes a inicios de cada ano.
No encontro, o presidente salientou que a estabilidade política, financeira e orzamentaria de Galicia permite que a comunidade recuperase antes que España o nivel de riqueza previo á pandemia, que rexistre as taxas de paro máis baixas desde hai 15 anos ou que pechase 2024 cun novo récord de exportacións ao superar os 30.000 millóns de euros.