Medio Rural salienta a calidade dos queixos da Denominación de Orixe Protexida San Simón da Costa
A titular do departamento participou no pregón da vixésimo novena edición deste evento, que se celebra ao longo desta fin de semana na localidade lucense de Vilalba
Gómez lembrou que esta DOP conta con 377 gandeiros e 9 queixerías inscritas que no 2024 produciron máis de 560.000 quilogramos de queixo San Simón da Costa cun valor económico estimado superior aos 5,1 millóns de euros
Explicou que esta mesma semana se convocaron achegas para o apoio á cooperación en actividades de información e promoción dos produtos agroalimentarios galegos, dotadas con tres millóns de euros para 2025 e 2026
Vilalba (Lugo), 5 de abril de 2025
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou no pregón da XXIX Festa do Queixo San Simón da Costa, que se celebra ao longo desta fin de semana na localidade lucense de Vilalba. Alí, salientou a calidade dos queixos da Denominación de Orixe Protexida (DOP) San Simón da Costa, un dos catro selos cos que conta Galicia neste ámbito produtivo.
Gómez lembrou que esta DOP conta con 377 gandeiros e 9 queixerías inscritas que no pasado ano produciron máis de 560.000 quilogramos de queixo San Simón da Costa cun valor económico estimado superior aos 5,1 millóns de euros. De seguido, fixo referencia á “longa tradición na fabricación de queixos” da que “pode presumir” o concello de Vilalba e demais localidades da Terra Chá.
A conselleira destacou a “ampla variedade” da despensa galega que conta con ata 36 distintivos de calidade, o que sitúa a Galicia como unha das comunidades autónomas de España con máis denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas. Todas estas certificacións acadan un valor económico estimado de preto de 700 millóns de euros.
Neste sentido, a titular de Medio Rural asegurou que o Goberno autonómico “traballa diariamente” para manter e consolidar esta posición de liderado da man dos produtores que o fan posible. Seguindo esta liña, explicou que esta mesma semana se convocaron achegas para o apoio á cooperación en actividades de información e promoción dos produtos agroalimentarios galegos acollidos a réximes de calidade realizadas polos produtores, dotadas con tres millóns de euros para 2025 e 2026.
O obxectivo das axudas é mellorar a posición dos agricultores na cadea de valor e a información que teñen os consumidores sobre os produtos certificados. Con elas tamén se favorece a introdución nos mercados dos alimentos con calidade diferenciada e inducir o seu consumo. A maiores, este tipo de promoción contribúe a impulsar a comercialización destes produtos, beneficiando á industria agroalimentaria e ao sector primario galego.