A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, citou hoxe os responsables dos principais clústeres e asociacións sectoriais

A Xunta convoca os sectores económicos máis afectados polos aranceis de EEUU

A reunión terá lugar o vindeiro luns, logo de que este mesmo xoves se celebre o Consello Interterritorial de Internacionalización, convocado polo Goberno central coas comunidades autónomas para coordinar a resposta das diferentes administracións 

Asistirán, tamén, o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, e os titulares de Medio Rural, María José Gómez, e de Mar, Alfonso Villares 

O obxectivo é informar dos mecanismos que van poñer en marcha o Goberno central e a Xunta de Galicia en resposta ás inquedanzas específicas dos sectores nos cales o impacto arancelario poida ser maior 

Santiago de Compostela, 8 de abril de 2025

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, convocou hoxe os principais sectores da economía galega máis expostos ao comercio con EE.UU a unha reunión que se celebrará a vindeira semana para abordar a situación derivada da política arancelaria anunciada polo país norteamericano.

Nunha carta enviada hoxe aos responsables dos clústeres e asociacións sectoriais, Lorenzana emprázaos á reunión que terá lugar o vindeiro luns, 14 de abril, logo de que se celebre o Consello Interterritorial de Internacionalización, convocado por parte ministro de Economía, Comercio e Empresa, Carlos Cuerpo, este xoves coas comunidades autónomas para coordinar a resposta das diferentes administracións.

O obxectivo da xuntanza, á que asistirán, tamén, o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos,  e os titulares de Medio Rural, María José Gómez, e de Mar, Alfonso Villares, é informar dos mecanismos que van poñer en marcha o Goberno central e a Xunta de Galicia en resposta ás inquedanzas específicas dos sectores nos cales o impacto arancelario poida ser maior, e trasladando unha posición coordinada a nivel nacional e europeo como bloque comercial.

Ao encontro do luns, que será na sede do Consello Económico e Social (CES), están citados, entre outros, a Confederación de Empresarios Galicia (CEG), os Consellos Reguladores, o Clúster de Empresas de Automoción (Ceaga), o Clúster do Naval (Aclunaga), Anfaco, Asime, o Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) e o Clúster Téxtil

Data de actualización: 08/04/2025