A Xunta adxudica por 570.000 euros as obras de humanización da praza Isaac Díaz Pardo no concello de Oroso

Trátase de poñer en valor esta praza no núcleo de Sigüeiro, onde se sitúan os principais equipamentos municipais, transformándoa en espazo de preferencia peonil para convertela en lugar de encontro e de celebración de eventos

Estas obras enmárcanse no Plan Hurbe da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, co fin de axudar as administracións locais a financiar diferentes tipos de intervencións urbanísticas, e suporá un investimento final superior aos 705.000 €

Santiago de Compostela, 23 de abril

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas adxudicou por un importe de 570.926 euros as obras de humanización da praza Isaac Díaz Pardo, no núcleo de Sigüeiro, no concello de Oroso.

Con esta intervención, adxudicada á empresa Novavial S.L. tratase de poñer en valor e transformar en praza de preferencia peonil este espazo, que tamén se encontra na contorna do Camiño Inglés, converténdoa en lugar de encontro, interacción social e celebración de eventos.

A humanización desta praza Isaac Díaz Pardo, que acolle as principais instalacións municipais como a Casa do Concello, o Xulgado de Paz, a biblioteca ou o centro social, terá un investimento total de 705.393€. Así, as obras enmárcanse nun convenio de colaboración ao abeiro do Plan Hurbe, co que o Goberno galego colabora coas administracións locais para financiar intervencións de mellora contornas urbanas e accesibilidade. Baixo este acordo, a Xunta asumirá o 70% do orzamento desta intervención, e o Concello de Oroso achegará o 30% restante.

En concreto, as obras obxecto deste contrato de humanización da praza Isaac Díaz Pardo inclúen o desenvolvemento de varias actuacións. Restrinxirase o tráfico rodado, priorizando o peonil e permitindo a conexión polas rúas Xuncal e Camiño Inglés. Ademais, eliminarase o estacionamento de vehículos, aínda que se manterá o acceso aos vehículos de reparto.

Así  coas mesmas, tense por obxectivo garantir a accesibilidade ao Concello, ao preverse a modificación das escaleiras de acceso e a dotación dunha rampla accesible. Poranse en valor os equipamentos municipais existentes, unificando a imaxe da praza como un lugar de estancia, con espazos verdes e mobiliario.

Data de actualización: 23/04/2025