A Estación Intermodal de Vigo suma máis de catro millóns de viaxeiros e mantén a tendencia á alza nos últimos anos
A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, participou no ciclo ‘Estacións de ferrocarril: motores de rexeneración urbana do século XXI’, onde salientou a aposta da Xunta polo fomento do transporte público e a intermodalidade
O achegamento da terminal de autobuses viguesa ao centro urbano favorece a mobilidade e permite dar mellor resposta ás demandas da cidadanía
Vigo, 23 de abril de 2025
A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, participou no ciclo Estacións de ferrocarril: motores de rexeneración urbana do século XXI, impulsado polo Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia, onde salientou a importancia da estación de autobuses de Vigo, consolidada como nodo intermodal e principal núcleo de comunicacións do sur de Galicia. Esta infraestrutura, na que a Xunta investiu máis de 18 millóns de euros, en colaboración co programa operativo europeo FEDER Galicia 2014-2020, sumou desde a súa posta en funcionamento, en decembro de 2022, máis de catro millóns de viaxeiros e por ela pasaron máis de 210.000 autobuses.
Precisamente con motivo da participación nesta xornada, a directora xeral visitou, xunto coa delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, a estación viguesa para comprobar o seu funcionamento.
Segundo sinalou Judit Fontela, a tendencia en canto aos viaxeiros mantense á alza nos últimos anos, cun incremento da demanda en 2024 do 9% con respecto a 2023, superando os 1,9 millóns de viaxeiros, e un inicio de 2025 no que se reflicte un aumento similar. A directora xeral incidiu en que estes datos demostran que a aposta da Xunta por fomentar o uso do transporte público e a intermodalidade non responde só ao compromiso cunha mobilidade máis verde e responsable, senón tamén ás demandas da sociedade. Nesta liña, resaltou a mellora da mobilidade da área de Vigo e do sur da comunidade ao achegar a terminal de autobús ao centro urbano e favorecer a súa conexión coa terminal de tren.
Así, a estación intermodal acolleu neste tempo máis do 60% de todos os viaxeiros do transporte público interurbano da Xunta que chegan ou saen de Vigo. “Unha cifra moi relevante tendo en conta o volume de servizos de autobús que cada día conectan Vigo co resto da comunidade e que na cidade existen centros de atracción de demanda de transporte público tan importantes como os hospitais públicos ou o campus universitario”, engadiu.
Ademais, máis do 60% de todos os servizos que chegan ou saen de Vigo teñen a súa cabeceira ou realizan unha parada na estación intermodal. De feito, o transporte público da Xunta ofrece máis de 100.000 servizos ao ano nesta infraestrutura, o que supón que Vigo está conectada co resto de Galicia cuns 320 servizos nun día laborable medio, 160 os sábados e 160 os domingos.
Medidas de fomento do transporte público
Na súa intervención, Judit Fontela lembrou que o Goberno galego impulsou diversas medidas para promover o uso do transporte público de Galicia, como as tarxetas de mobilidade que permiten beneficiarse de descontos e doutras vantaxes. Nesta liña, destacou as tarifas gratuítas Xente Nova (TXN) e +65, que permiten realizar ata 60 viaxes balde ao mes en toda a comunidade aos menores de 21 anos e aos maiores de 65 anos.
En 2024, máis de 61.000 usuarios do transporte público dos municipios que forman a Área de Transporte Metropolitano (ATM) e do concello de Vigo, que non está integrado nesa iniciativa, beneficiáronse destas medidas. En concreto, máis de 27.500 persoas maiores de 65 anos teñen acceso á tarifa gratuíta e máis de 34.000 persoas menores de 21 anos dispoñen da Tarxeta Xente Nova. En conxunto, realizaron en 2024 máis de 1.300.000 viaxes gratuítas, e as bonificacións da Xunta para compensar a súa aplicación superaron os 1.090.000 euros.
Así, no primeiro ano de funcionamento da tarifa +65, os usuarios realizaron máis de 485.000 viaxes de balde, en cuxa bonificación a Xunta investiu máis de 385.000 euros, unha contía que os usuarios puideron aforrar neste período.
En canto á Tarxeta Xente Nova, posta en marcha en 2016, o pasado ano os menores de 21 anos da área de Vigo realizaron máis de 840.000 viaxes gratuítas, un 8 % máis que en 2023, cunha bonificación por esta medida de máis de 700.000 euros en 2024, un 24 % máis que en 2023.