Medio Rural amplía ata os 2,64 M€ a dotación das axudas para fomentar o uso de maquinaria agrícola en réxime asociativo
O incremento do orzamento das achegas permitirá apoiar o maior número de entidades beneficiarias, que son cooperativas agrarias e sociedades agrarias de transformación, cunha importante redución dos seus custos de produción
Os obxectivos das axudas, financiadas ao 100% co Instrumento de recuperación da Unión Europea (EURI), son promover o uso de maquinaria e equipamentos de carácter agropecuario en réxime asociativo e fomentar a introdución de novas tecnoloxías
Santiago de Compostela, 24 de abril de 2025
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural pola que se amplía a dotación das axudas para o fomento da utilización de maquinaria agrícola en réxime asociativo. Así, increméntase o seu orzamento en 1,2 millóns de euros, ata chegar a un total de 2,64 millóns de euros, o que permitirá apoiar o maior número de entidades beneficiarias.
Estas achegas están destinadas a cooperativas agrarias e sociedades agrarias de transformación (SAT) e supoñen para elas unha importante redución de custos de produción. Os seus obxectivos son promover a utilización de maquinaria e equipamentos de carácter agropecuario en réxime asociativo e fomentar a introdución de novas tecnoloxías no seu emprego.
Ademais, esta orde permite racionalizar os custos de mecanización no seu emprego, incrementar os mecanismos de seguranza no traballo, reducir as emisións contaminantes e fomentar o aforro enerxético na procura dunha mellora da calidade de vida no medio rural. Tamén poden financiarse os estudos técnico-económicos de viabilidade da operación. As axudas son especialmente útiles para as explotacións de pequeno tamaño, xa que facilitan o acceso ás novas tecnoloxías, que necesitan dunha masa crítica mínima para poder ser rendibles.
Estas achegas están financiadas ao 100% co Instrumento de recuperación da Unión Europea (EURI), no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020. A Consellería do Medio Rural leva promovendo estas axudas no marco do PDR 2014-2020 dende 2016 e convocáronse anualmente dende entón, o que supuxo unha achega total de máis de 34 millóns de euros.
Ligazón ao DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250424/AnuncioG0426-160425-0004_gl.html