A Xunta destaca o labor da biblioteca do Colexio A Ponte de Lugo a prol da lectura

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa participa na inauguración do novo espazo, no que a Consellería investiu máis de 9.800€ nos últimos anos

Lugo, 24 de abril de 2025

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, participou na inauguración da nova biblioteca do Colexio CEIP A Ponte (Lugo), BiblioPonte, coincidindo coa Semana do Libro. No transcurso do acto, a representante da Xunta destaca o labor desenvolvido neste espazo en prol da aprendizaxe multidisciplinar “con iniciativas que impulsan o achegamento do alumnado á ciencia e ao medio ambiente, ademais de en prol da consolidación do hábito lector”.

O CEIP A Ponte desenvolve, ademais, varios dos proxectos impulsados pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades en FP na súa estratexia de bibliotecas escolares, o Plan Lía. Non en balde, forma parte do Plan de Mellora, participa en Radio na Biblio e mantén un Club de Lectura con diversas actividades asociadas. Está integrada, tamén na rede LIA.3, coa que a Xunta avanza no modelo de biblioteca escolar deseñada como laboratorio creativo de aprendizaxe aberto a toda a comunidade escolar, fornecidas de múltiples recursos e orientación para utilizalos. Nos últimos anos a Consellería investiu máis de 9.800€ nas distintas liñas de actuación desta biblioteca.

“A nova biblioteca ocupa un espazo máis amplo no centro e permitirá que este espazo continúe medrando, grazas ao dinamismo desta comunidade educativa”, salientou a directora xeral.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/04/2025