A Xunta comeza mañá o traballo de campo para o estudo anual de avaliación da calidade da rede pública de autobuses interurbanos

O traballo de campo inclúe máis de 16.000 enquisas e observacións, divididas en 13.200 enquisas a persoas usuarias, 1.974 observacións do tipo cliente misterioso, 457 enquisas a centros de ensino con transporte compartido e 600 enquisas a persoas non usuarias

Comeza cunha proba piloto nas liñas da ruta A Coruña-Lugo onde se realizarán 100 enquisas entre persoas usuarias e 20 observacións tipo cliente misterioso

Este ano realizarase unha análise específica dos servizos que utiliza o alumnado dos institutos IES Leliadoura e IES Nº1 do concello de Ribeira

Santiago de Compostela, 27 de abril de 2025

A Xunta inicia mañá os traballos de campo do estudo anual sobre a calidade da rede pública de autobuses interurbanos.

O obxectivo desta análise é avaliar o estado do transporte colectivo por estrada recollendo opinións das persoas usuarias así como mediante observacións presenciais para avaliar o cumprimento dos criterios de calidade do servizo. Esta será a quinta campaña desde a posta en marcha do Plan de Transporte Público de Galicia (PTPG) e abrangue máis de 16.000 enquisas e avaliacións nas 53 comarcas galegas.

O traballo de campo comezará cunha proba piloto que se realizará mañá nas liñas que cobren a ruta A Coruña-Lugo da concesión A Coruña-Lugo-A Mariña. En total realizaranse 100 enquisas de calidade e 20 observación tipo cliente misterioso.

Este test axudará a optimizar o deseño e contido dos cuestionarios para ampliar o estudo ao resto de comarcas e concesións.

A duración total do traballo de campo será dunhas seis semanas permitirá avaliar o conxunto de criterios de calidade da prestación do transporte público interurbano e analizar a súa evolución comparándoo cos resultados de anos anteriores.

A metodoloxía do estudo comprende catro grandes liñas de investigación que permiten ter unha visión completa do estado da rede de transporte. A primeira liña inclúe unha enquisa de calidade cunha mostra de 13.200 entrevistas repartidas entre todas as comarcas de Galicia en función do seu peso. O obxectivo desta enquisa é contar cunha avaliación do servizo por parte das persoas usuarias.

A segunda liña de investigación consiste na realización de 1.974 observacións de tipo cliente misterioso que buscan facer unha valoración técnica e obxectiva de distintos aspectos que determinan a calidade do servizo como a puntualidade, estado das paradas ou información, entre outros.

A terceira liña céntrase no transporte escolar a través de enquisas aos 457 centros de ensino que contan con transporte compartido para recoller as súas valoracións específicas e identificar áreas que son susceptibles de mellora.

Finalmente, e co obxectivo de coñecer as razóns polas que hai cidadáns e cidadás que non usan o transporte público, o traballo de campo tamén inclúe 600 entrevistas telefónicas con persoas non usuarias.

Entre as actuacións específicas da campaña deste ano, realizarase unha análise en particular dos servizos que utiliza o alumnado dos institutos IES Leliadoura e IES Nº1 do Concello de Ribeira, para avaliar a prestación dos servizo e identificar aspectos que poden ser suxeito de mellora. Para isto realizaranse 50 observacións tipo cliente misterioso nas liñas de transporte integrado e non integrado que empregan escolares destes dous centros.

Data de actualización: 27/04/2025