A Xunta convocará case 1.600 prazas de emprego público entre maio e novembro deste ano

As convocatorias corresponden a 32 procesos selectivos, dos cales 27 serán de acceso libre e cinco de promoción interna separada

Do total, 28 procesos corresponden a corpos/escalas de persoal funcionario, cun total de 1.258 prazas e catro a categorías de persoal laboral, cun total de 334 prazas

Preto do 40% das prazas convocadas de persoal funcionario son para o subgrupo C2 e un 31 % para o subgrupo C1/B

O primeiro exercicio dos procesos realizarase entre novembro de 2025 e setembro de 2026

Santiago de Compostela, 28 de abril de 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe, para poder “traballar coa máxima previsión posible a efectos de preparación dos exames”, que a Xunta convocará “case 1.600” (1.592) prazas de emprego público “entre o mes de maio e o mes de novembro” deste ano. Así se desprende dun informe sobre procesos selectivos presentado hoxe no Consello do Goberno galego polo conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos.

Segundo apuntou o titular do Goberno galego, estas convocatorias corresponden a 32 procesos selectivos, dos cales 27 son de acceso libre e cinco de “promoción interna” separada. Dos procesos de acceso libre, 23 corresponden a persoal funcionario, dos cales cinco son para a Administración xeral e 18 para a Administración especial; e catro corresponden a persoal laboral. Ademais, 28 dos procesos corresponden a corpos, escalas ou especialidades de persoal funcionario, cun total de 1.258 prazas e catro a categorías de persoal laboral, cun total de 334 prazas.

Polo que respecta ás prazas, para o persoal funcionario son 291 de acceso libre para Administración xeral; 245 de acceso libre para Administración especial, e 722 de promoción interna. Para o persoal laboral convócanse 334 prazas de acceso libre en distintas categorías.

Entre os procesos selectivos para persoal funcionario, preto do 40 % das prazas convocadas de persoal funcionario son para o subgrupo C2 e un 31 % para o subgrupo C1/B. Un 10 % son o subgrupo A1, un 15 % para o subgrupo A2 e preto do 3 % para a agrupación profesional.

Tal e como abondou o presidente, en maio convocaranse 357 prazas: 10 para patrón e 13 para mecánico da escala operativa do servizo de gardacostas, 7 prazas para peón/oa forestal, 71 de xefe/a de brigada e 75 de condutor/a de bombeiro/a forestal, e 181 de bombeiro/a forestal.

En xuño sairá a convocatoria de 149 prazas: 15 prazas da escala técnica de cociña, 45 da escala auxiliar de cociña, 35 da escala de persoal subalterno, 50 da escala auxiliar de coidadores, 3 da escala de profesores/as numerarios/as, especialidade de procesos de cultivo acuícola e unha máis da escala de mestres/as de taller, especialidade de servizos ao buque.

En setembro convocaranse 14 prazas nas especialidades de ciencias do mar (4), pesca marítima (2), bioloxía pesqueira (1), navegación marítima (4), máquinas e instalacións mariñas (2) e inglés marítimo (1).

Entre os meses de setembro e outubro sairán as convocatorias de formación e orientación laboral (1), procesos sanitarios (1) e máquinas e produción (2).

No mes de outubro vanse convocar 657 prazas para o corpo superior da Administración xeral PI (40), xestión da Administración xeral PI (150), auxiliar da Administración xeral PI (185) e administrativo da Administración xeral PI (282).

Entre os meses de outubro e novembro vanse convocar 155 prazas máis: 75 de auxiliar de clínica, 15 de psicoloxía e 65 de PSX PI.

Por último, no mes de novembro convocaranse 258 prazas, segundo a seguinte relación: 2 de técnicos estatísticos, 59 do corpo superior da Administración xeral, 40 de xestión da Administración xeral, 74 do corpo administrativo da Administración xeral e 83 do corpo auxiliar da Administración xeral.

Calendario de exames

O primeiro exercicio dos procesos comezará en novembro de 2025 e iranse desenvolvendo ata setembro de 2026, empezando polas especialidades que se convocan antes. Así, por exemplo, os primeiros exames para patrón e mecánico de gardacostas terán lugar o 28 de novembro e os de peón forestal e os relacionados co servizo de protección e defensa contra incendios forestais, incluídos os xefes de brigada e os condutores, serán o día 14 de decembro.

O calendario completo, tanto das convocatorias como das datas dos primeiros exercicios dos procesos, pode consultarse na seguinte ligazón: https://www.xunta.es/rcp/listas/rcp_opo/opo_principal.jsp.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/04/2025