O conselleiro de Educación inaugurou hoxe o Encontro Internacional Erasmus+CAFI 2025

A Xunta apoia o Erasmus de 3.889 galegos cun investimento de 6 M€ grazas ao programa Galemundo

Román Rodríguez lembra a aposta pola internacionalización do ensino a través desta iniciativa, dotada con 14M€ para facilitar que 7.000 estudantes e docentes se formen este curso no estranxeiro

Galemundo abrangue desde as diferentes modalidades do programa Erasmus ata as estadías para aprender linguas en outros países durante o verán

Santiago de Compostela, 10 de maio de 2025

A Xunta de Galicia apoia este curso a participación de 3.889 galegos, entre estudantes e docentes, en mobilidades Erasmus cun investimento de 6M€ a través do programa Galemundo. Así o salientou hoxe o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP con motivo da súa participación na apertura do Encontro Internacional Erasmus+CAFI 2025, unha actividade do Plan anual de formación do profesorado que reúne a máis de medio cento de docentes.

Román Rodríguez salientou a aposta do Goberno autonómico pola internacionalización do ensino ao abeiro de Galemundo, que aglutina un amplo abano de experiencias como as Erasmus en Europa e bolsas para realizar cursos de idiomas noutros países.

O titular do departamento educativo lembrou que Galemundo facilita que máis de 7.000 persoas, entre estudantes e docentes, participen ao longo deste curso en mobilidades no estranxeiro. “Os alumnos galegos son líderes de España en competencias en inglés, segundo a avaliación máis ampla a nivel internacional que cada ano realiza Education First (EF)”, sinalou o conselleiro. “Destacan, tamén, en tolerancia e respecto cara a outras culturas, segundo o informe PISA”, lembrou. Neste senso, salientou que “as diferentes iniciativas de internacionalización do ensino, como as que impulsan os docentes que participan neste encontro, son decisivas para acadar estes bos resultados”.

Intercambio de experiencias

O obxectivo do encontro, celebrado no Centro Integrado de FP Compostela, é coñecer as diferentes accións do programa Erasmus+ no ensino non universitario, así como afondar no funcionamento da Plataforma Europea de Educación Escolar, que inclúe recursos e materiais didácticos creados en proxectos europeos e cursos de formación, investigacións recentes e todo tipo de información sobre desenvolvemento profesional docentes ou enfoques pedagóxicos, entre outros.

Ademais, representantes dos centros de formación e recursos de Pontevedra, A Coruña e Ferrol, da Escola Oficial de Idiomas de Santiago, do Colexio CEIP de Mesón do Vento e do Instituto IES de Arzúa presentaron as súas boas prácticas neste ámbito. Finalmente, preséntanse o proxecto Incluídas, do Centro Autonómico de Formación e Innovación no marco de Erasmus+ sobre inclusión educativa.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/05/2025