A Xunta destina 1 M€ ao sector do taxi para facilitar o pago das pólizas dos seguros dos vehículos e a contratación de condutores

A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, destacou que estas axudas tratarán de paliar a dificultade para atopar condutores derivada da importante suba dos custos asociados ao servizo de taxi

O Goberno galego tamén apoia ao sector do taxi a través das axudas para a adquisición de vehículos adaptados a persoas con mobilidade reducida ou coches de baixas emisións ou ECO, dotadas cun orzamento total de 500.000 euros

Vigo, 13 de maio de 2025

A Xunta destinará un millón de euros en 2025 para axudar a afrontar o incremento dos custos asociados ao servizo de taxi. Concretamente, 840.000 euros irán como apoio para o pagamento das pólizas dos seguros dos vehículos, que experimentaron unha importante subida nos últimos anos; e 160.000 euros destinaranse á contratación de persoal asalariado, co que se busca paliar a escaseza de condutores.

Así o anunciou a directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, na xornada de clausura da Asemblea Xeral do Taxi organizada pola Asociación Nacional do Taxi. Fontela recoñeceu que o sector está sufrindo un importante incremento dos custos que desencadea na dificultade de atopar condutores, polo que espera que este apoio da Xunta alivie a un sector cunha “importancia decisiva” ao garantir as necesidades de mobilidade cidadá tanto en ámbitos urbanos coma no rural, onde hai incluso maior demanda deste servizo debido á dispersión e avellentamento da poboación.

A directora xeral de Mobilidade agradeceu o traballo dos taxistas e destacou a importancia de manter un “diálogo continuado e fluído” coas asociacións para poder coñecer de primeira man a situación dos profesionais e traballar de forma coordinada para acadar as “mellores perspectivas” á hora de desenvolver a súa actividade.

A Xunta leva anos apoiando o sector do taxi, que en Galicia conta con máis de 3.500 licenzas, mediante diferentes axudas destinadas á renovación da frota, mellorar a calidade do servizo e garantir a viabilidade económica dos taxistas.

Cómpre recordar que, dende o pasado 5 de decembro, están dispoñibles as axudas para adquirir vehículos adaptados ás diferentes necesidades de mobilidade ou de baixas emisións, sumando ao sector na loita contra o cambio climático co uso de vehículos menos contaminantes. O Goberno galego destina 500.000 euros en 2025 a esta liña para reforzar a súa aposta por un sector do taxi máis inclusivo e comprometido na loita contra o cambio climático.

Deste total, 290.000 destinaranse a taxis adaptados e accesibles a persoas con mobilidade reducida (Eurotaxi), 68.000 aos de emisión cero e 142.000 para vehículos ECO. As subvencións son de ata 1.000 euros para os taxis de baixas emisións, 4.000 euros no caso de vehículos de emisións cero e 10.000 euros para coches adaptados.

Estas axudas cobren, no caso das liñas de taxi de CERO emisións e ECO, a adquisición de vehículos realizada desde o 1 de maio do ano pasado ata a data límite para xustificar a axuda, o 31 de outubro de 2025. Para a liña Eurotaxi subvenciónanse os vehículos adquiridos en calquera momento, co compromiso de manter a titularidade e a actividade ao menos cinco anos, ou os que se adquiran con posterioridade á presentación da solicitude e á data límite para xustificar a axuda.

O éxito desta liña, resaltou Judit Fontela, comprobouse o ano pasado, cando a Xunta concedeu un total de 398 axudas ao sector do taxi cun investimento total de 860.000 euros. En concreto, facilitouse a adquisición de 328 vehículos de baixas emisións ou ECO, 28 taxis de emisións cero e 42 adaptados á persoas con mobilidade reducida.

Con estas axudas, a Xunta pretende contribuír a garantir unha mobilidade accesible e sostible no transporte público, tanto no ámbito urbano como rural, e garantir un futuro próspero e sostible para o taxi en Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 13/05/2025