A Xunta abrirá o vindeiro luns o prazo de solicitudes para participar no intercambio xuvenil no Xapón

A iniciativa enmárcase no programa ‘A xuventude no mundo’ organizado ao abeiro das relacións bilaterais que mantén o Goberno galego con entidades doutros países

O obxectivo da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude é que a mocidade de entre 18 e 30 anos se achegue a outras realidades socioculturais e lingüísticas

As prazas serán cubertas por rigorosa orde de inscrición e os participantes viaxarán á Prefectura de Wakayama, cuxo Camiño Kumano está irmandado co de Santiago

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2025

A Xunta de Galicia abrirá o luns 26 o prazo para que a mocidade de entre 18 e 30 anos presente as solicitudes para participar no intercambio xuvenil na Prefectura de Wakayama, no Xapón, cuxo Camiño Kumano está irmandado co de Santiago. Trátase dunha iniciativa enmarcada no programa A xuventude no mundo organizado ao abeiro das relacións bilaterais que o Goberno galego mantén con entidades doutros países.

Así, a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude convoca 15 prazas para unha estadía que terá lugar do 7 ao 12 de setembro co obxectivo de facilitar o coñecemento doutras realidades socioculturais e lingüísticas, a comprensión da diversidade cultural e favorecer e potenciar a adquisición de habilidades e competencias non formais de cara ao desenvolvemento persoal dos mozos e mozas.

Para inscribirse nesta proposta, dirixida á mocidade residente en Galicia que non participara noutro intercambio ao mesmo país dentro deste programa, as persoas interesadas poden consultar a información no portal de Xuventude. Neste senso, o procedemento levarase a cabo mediante un formulario electrónico que estará dispoñible desde o 26 de maio ás 14,00 horas ata o 30 de maio, ou ata esgotar as prazas.

A admisión, sempre que se cumpran os requisitos, realizarase por orde de inscrición ata cubrir o total da oferta.

Desde o Goberno galego vólvese apostar por este programa que xa celebrou tres edicións anteriores, no 2019, 2023 e 2024.

Data de actualización: 21/05/2025