A Xunta activará este mércores unha nova edición dos bonos Activa Comercio coa previsión de mobilizar 8,5 M€ en vendas nos negocios de proximidade adheridos
O Consello do Goberno galego analizou un informe da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración sobre a primeira convocatoria de axudas deste ano dos bonos Activa Comercio, dotada con 2,5 M€ e que publicará mañá o Diario Oficial de Galicia
O presidente sinala que os cidadáns poderán descargar un bono desconto de ata 30 euros a partir do próximo 4 de xuño, que poderán utilizar nas tendas adheridas ata o seu esgotamento ou do orzamento global do crédito da convocatoria
O prazo para a adhesión dos establecementos interesados leva aberto desde o pasado 20 de maio e, como novidade, este ano só deberán facelo unha única vez para todas as edicións de 2025, avanzando así na simplificación administrativa
A Xunta de Galicia ten previsto destinar inicialmente 5 millóns de euros durante 2025 a esta campaña pioneira, buscando revalidar o éxito da iniciativa que desde 2021 xa leva mobilizados preto de 100 millóns de euros
Medidas consolidadas coma esta súmanse ás máis de 70 actuacións a prol da visibilidade, a competitividade e a gobernanza do sector que se recollen no novo Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030
Santiago de Compostela, 2 de xuño de 2025
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno galego activará este mércores unha nova edición dos bonos Activa Comercio coa previsión de mobilizar 8,5 M€ en vendas nos negocios de proximidade adheridos.
Tal e como sinalou o titular do Executivo galego, esta medida está destinada a axudar a que os cidadáns “aforren nas súas compras” e impulsar un “sector clave” para a economía e vitalidade das vilas e cidades como é o comercio.
O Consello da Xunta coñeceu hoxe un informe da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración sobre a primeira edición dos bonos Activa Comercio de 2025, co obxectivo de consolidar esta medida como unha ferramenta clave para incentivar as vendas e reforzar o vencello da cidadanía co seu comercio de proximidade.
Rueda sinalou que a iniciativa contará cun orzamento de 2,5 millóns de euros para descontos de ata “30€ por beneficiario” coa previsión de mobilizar en vendas arredor de “8,5 millóns de euros”. As bases para as persoas usuarias publicaranse mañá no Diario Oficial de Galicia (DOG), co fin de que poidan descargar os bonos “esta mesma semana”, a partir do mércores 4 de xuño.
En total, o Goberno galego ten previsto destinar inicialmente 5 millóns de euros durante 2025 a esta campaña, o que contribúe a fortalecer tanto a economía de proximidade como a competitividade do sector. Como novidade, este ano a adhesión dos establecementos á campaña —cuxo prazo abriu o pasado martes 20 de maio— realizarase unha única vez para todas as edicións, o que reflicte así o compromiso da Xunta coa simplificación administrativa e cun modelo de xestión máis áxil.
O titular do Goberno galego referiuse ao rotundo éxito das edicións anteriores que avala a continuidade desta medida, que ten demostrado a súa capacidade para activar o consumo e apoiar o pequeno comercio. Desde a súa posta en marcha no ano 2021, o programa permitiu mobilizar “preto de 100 millóns de euros” no comercio retallista galego. Só no ano 2024, a Xunta destinou 7,5 millóns de euros en descontos, que impulsaron 600.000 transaccións comerciais nas catro provincias, o que xerou un volume de vendas de arredor de 34 millóns de euros nos máis de 7.500 establecementos adheridos.
Funcionamento da campaña
O presidente destacou que “a partir de este mércores 4 de xuño” ás 9,00 horas, as persoas consumidoras interesadas poderán descargar un bono desconto de 30 euros na web www.bonosactivacomercio.gal para empregar directamente na adquisición de produtos e servizos nos comercios adheridos —que poden seguir sumándose á campaña ata o esgotamento do crédito da convocatoria—. Os bonos están pensados para fomentar o consumo no momento da compra, o que favorece así a dinamización inmediata do comercio local.
Os bonos terán formato dixital QR e estarán dispoñibles para a súa utilización nunha aplicación móbil. O importe irase reducindo en función do valor da compra. Así, ás compras iguais ou superiores a 20 euros e inferiores a 30 euros corresponderalles un desconto de 5 euros. A rebaixa será de 10 euros para as compras iguais ou superiores a 30 euros e inferiores a 50 euros. A partir desta cantidade, o desconto alcanzará os 15 euros.
Como en anteriores ocasións, cada persoa poderá descargar un único bono nesta primeira edición da iniciativa en 2025. Non hai límite de usuarios, pero, unha vez esgotado o crédito total de 2,5 millóns de euros, os bonos descargados xa non se poderán utilizar, mesmo que non se teñan consumido na súa totalidade.
Medidas para revitalizar o comercio local
Medidas consolidadas como os Bonos activa comercio súmanse ás máis de 70 actuacións a prol da visibilidade, a competitividade e a gobernanza do comercio de proximidade que se recollen no novo Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, unha folla de ruta estratéxica dotada con máis de 320 millóns de euros para reforzar un dos sectores clave da economía galega.
Na planificación tamén se inclúen accións pioneiras de comercio de atracción como a aposta pola recuperación de contornas comerciais urbanas de localidades senlleiras a través do proxecto singular Vilas vivas, ou Prato de mercado, que promoverá sinerxías entre as prazas de abastos e os restaurantes das súas contornas. Ademais, considéranse medidas específicas orientadas á remuda xeracional e á conexión coa mocidade, como a recente campaña Localízate, deseñada para que a rapazada de entre 12 e 16 anos xere vencellos de valor co comercio de proximidade.