A Xunta agarda que a asignación a Galicia de novos xuíces en violencia de xénero non sexa a costa de prazas de instrución
Apunta que isto suporía un incremento nos asuntos do resto das prazas, xa ao límite, e un atraso na tramitación das dilixencias penais
O Goberno galego incide tamén na necesidade de que as novas prazas se acompañen dos recursos para afrontar os gastos en persoal e infraestruturas que representan
Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2025
Ante a aprobación hoxe en Consello de Ministros do decreto para a creación de novas prazas xudiciais en violencia de xénero, con catro para Galicia, a falta de coñecer o detalle do texto, a Xunta agarda que dúas delas non sexan a costa da transformación de seccións de instrución na Coruña e en Vigo, como se recollía no anteproxecto de decreto. Segundo sinala o Goberno galego, isto suporía un incremento nos asuntos do resto das prazas de instrución, xa ao límite da súa capacidade especialmente en Vigo, ademais dun atraso na tramitación das dilixencias penais.
No que se refire ás outras dúas prazas previstas, de nova creación para Santiago de Compostela e Ourense, a Xunta lembra que leva xa dous anos reclamando, xunto co Tribunal Superior de Xustiza de Galicia a través da Comisión Mixta de Xustiza, a posta en marcha dun xulgado específico de violencia sobre a muller en Santiago e, de forma progresiva, no resto das cidades, así como o incremento nas prazas en A Coruña e Vigo.
Ademais, desde a Xunta laméntase que a reforma de prazas xudiciais aprobada veña, unha vez máis, sen asignación orzamentaria para as comunidades autónomas con competencias transferidas en xustiza, que son as que teñen que executar estas medidas. Incide en que estas novas funcionalidades terán un impacto económico tanto na reorganización do persoal como nas infraestruturas.
En canto á creación de novas prazas de fiscais, á falta da súa concreción, Galicia conta con que sexan cando menos dúas, tamén para Santiago e Ourense, e insístese na necesidade de que se acompañen de recursos orzamentarios.
En todo caso, desde a Xunta sinálase que Galicia sempre acepta e pon en funcionamento as unidades concedidas. Nesta liña, recorda que a falta de vontade política provocou que o ano non puidese arrincar con novas unidades xudiciais ao non comunicarse as de 2024.