A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto ao director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, visitou a actuación

A Xunta suma un novo treito de senda na PO-308 en Poio, entre Fontenla e Combarro, cun investimento de 1,7 M€

O itinerario discorre pola marxe esquerda da estrada autonómica ao longo de case 1,7 quilómetros, e a actuación incluíu outras intervencións como unha pasarela sobre o arroio da Cancela ou un novo itinerario no viario de baixada á Seca

Ademais, para garantir a seguridade na circulación rodada, abordouse a mellora das interseccións, entre elas, a de acceso ao instituto e habilitáronse dúas glorietas, unha delas de acceso á zona de Seca

Allegue destacou a aposta da Xunta por estas sendas, “fundamentais para garantir a seguridade e os desprazamentos da cidadanía e fomentar a mobilidade sostible”

A senda únese á xa executada entre Covelo e Raxó e a Xunta prepara o proxecto para o itinerario que unirá Combarro e Covelo, “de xeito que acadaremos así un itinerario continuo e seguro, entre sendas e beirarrúas, entre San Xoán (Poio) e A Lanzada”

Poio (Pontevedra), 5 de xuño de 2025

A Xunta vén sumar un novo itinerario peonil e ciclista na estrada autonómica PO-308 entre Fontenla e Combarro, no concello de Poio. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, xunto ao director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, visitou hoxe a zona onde se desenvolveu a actuación, na que se investiron 1,7M€ de fondos europeos MRR.

A nova senda, que ten unha lonxitude de 1,7 quilómetros, permite a circulación de peóns e ciclistas non deportivos pola marxe esquerda da estrada autonómica PO-308, desde a glorieta que dá acceso á variante norte de Poio ata o núcleo de Combarro.

A actuación completouse con outras intervencións como a habilitación dunha pasarela sobre o arroio da Cancela, así un novo itinerario no viario de baixada á Seca, a dotación de zonas axardinadas, mobiliario urbano ou a disposición de catro novas marquesiñas nas paradas de autobús, ademais das actuacións na rede de drenaxe, de abastecemento, electricidade e iluminación.

Ademais, para garantir a seguridade na circulación rodada, abordáronse medidas para contribuír a calmar o tráfico: a mellora das interseccións, entre elas, a de acceso ao instituto ou a habilitación de dúas glorietas, unha delas de acceso á zona de Seca. 

A conselleira destacou que esta actuación permite conectar varios puntos de interese no concello de Poio, como son o conxunto histórico de Combarro, así como o parque da Seca, o colexio Isidora Riestra ou a praia do Padrón. E incidiu en que estas actuacións “son fundamentais para garantir a seguridade e os desprazamentos da cidadanía e fomentar a mobilidade sostible”, sinalando neste senso o elevado tráfico que se rexistra nesta estrada que canaliza a circulación entre Pontevedra e O Salnés e sirve de acceso ás praias, con máis de 12.000 vehículos diarios neste treito e ata 16.000 no treito máis próximo a Pontevedra.

“Seguimos tecendo por toda Galicia a gran rede que son as nosas sendas, novos camiños para peóns e para afeccionados á bicicleta, que son tamén marca Galicia calidade”, destacou Allegue, que lembrou que este itinerario se une ao xa executado nesta estrada PO-308 en Poio, entre Covelo e Raxó.

Ambas intervencións, forman parte do Plan de Sendas de Galicia, co que a Xunta levamos xa acadados 300 km de itinerarios nas estradas autonómicas e que recibiu o recoñecemento da Unión Europea.

A titular de Vivenda e Planificación de Infraestruturas avanzou que na segunda fase deste plan se abordará outro treito de senda nesta PO-308 que unirá Combarro, onde agora finalizou a obra, con Covelo, que se cofinanciará con fondos europeos FEDER, ”de xeito que acadaremos así un itinerario continuo e seguro, entre sendas e beirarrúas, entre San Xoán (Poio) e a praia da Lanzada (Sanxenxo), que permitirá ir andando ás praias desta contorna privilexiada que desfrutamos”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 05/06/2025