As obras de prolongación da autovía AG-59 farán necesaria a afección ao tráfico na estrada AC-241, en Teo, a partir do vindeiro martes
A afección terá lugar no punto quilométrico 13+250 da AC-241, en Vilar, e é necesaria para a dotación da drenaxe e a reposición de servicios de baixa tensión e telefonía
O desvío comezará o martes ás 7 horas co corte de carril dereito en sentido Pontevea, permitindo o tráfico alternativo regulado con semáforos
O xoves, 19 de xuño, ás 7 horas trasladarase o corte ao carril esquerdo, permitindo tamén o tráfico alternativo regulado con semáforos
O 20 de xuño ás 19 horas restablecerase a circulación con normalidade nesta estrada
A Xunta segue avanzando nas obras de prolongación da AG-59 no treito entre Ramallosa e Pontevea, coa previsión de finalizalo este ano e cun investimento de máis de 33 M€
Unha vez rematada a prolongación da autovía, libre de peaxe, a viaxe entre Santiago e A Estrada reducirase a 10 minutos, cun investimento global de máis de 67M€
Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2025
O avance nas obras de prolongación da autovía Santiago-A Estrada (AG-59) fará necesaria a afección ao tráfico na estrada AC-241, en Teo, a partir do vindeiro martes.
A afección terá lugar no punto quilométrico 13+250 da AC-241, en Vilar, no concello de Teo, para a execución dos cruces de estrada necesarios para a dotación da drenaxe e a reposición de servicios afectados de baixa tensión e telefonía.
O desvío comezará o vindeiro martes ás 7 horas co corte de carril dereito en sentido Pontevea, permitindo o tráfico alternativo regulado con semáforos mentres se executan os traballos. A xornada posterior será necesaria para o curado da lousa de formigón.
O 19 de xuño ás 7 horas trasladarase o corte ao carril esquerdo, permitindo de igual modo o tráfico alternativo regulado con semáforos. Os traballos levaranse a cabo durante o día e manterase o corte durante 24 horas para o curado do formigón.
Segundo a planificación dos traballos, prevese o remate do desvío o 20 de xuño ás 19 horas, restablecendo a circulación con normalidade.
A Xunta segue avanzando nas obras de prolongación da autovía AG-59, entre Ramallosa e Pontevea, coa previsión de finalizalo este ano e cun investimento de máis de 33 M€.
O Goberno galego tamén ten en marcha o proxecto para a última fase desta autovía, entre Pontevea e O Rollo, de 4 km e cun investimento de máis de 30M€.
Unha vez rematados os 7,5km da prolongación desta autovía, libre de peaxe, os tempos da viaxe entre Santiago de Compostela e A Estrada reduciranse a 10 minutos, ademais de mellorar a seguridade viaria, tras un investimento global de máis de 67M€.