O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración participou en Vigo na presentación da campaña ‘Xoga en equipo’, impulsada pola Federación de Comercio de Pontevedra

A Xunta salienta a importancia da colaboración público-privada para fortalecer o comercio local e dinamizar a economía de proximidade

José González incidiu na necesidade de que comerciantes, administracións e a propia cidadanía sigan traballando en equipo a prol dun eido estratéxico para a vertebración do territorio, a fixación de poboación e o desenvolvemento económico e social

Referiuse ao compromiso da Xunta coa dinamización do sector a través dunha ferramenta clave como é o Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030, unha folla de ruta cun investimento de 320 millóns de euros e máis de 70 actuacións

Salientou que nel se contemplan medidas pioneiras de comercio de atracción, como ‘Vilas vivas’ ou ‘Prato de mercado’, ademais de accións para favorecer a remuda xeracional, o emprendemento e as sinerxías coa Rede de Polos

Tamén promove a preservación dos oficios tradicionais, con apoios como os publicados hoxe para favorecer a asistencia de artesáns a feiras nacionais e internacionais, ou financiar a súa organización por parte de concellos ou asociacións

O Plan compleméntase co impacto e a capilaridade que ofrece o convenio anual asinado coa Federación Galega de Comercio, que en 2025 dispón dun orzamento de 690.000 euros, e que inclúe campañas como ‘Días Azuis’ ou ‘Merca no teu comercio’

Vigo, 17 de xuño de 2025

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, e polo director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou esta mañá na presentación da campaña promocional Xoga en equipo. Aposta polo comercio local, impulsada pola Federación de Comercio de Pontevedra e que conta co apoio da Xunta de Galicia. No acto tamén participaron a vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, e o presidente da Federación de Comercio de Pontevedra, Iván Iglesias.

O conselleiro puxo en valor a mensaxe central desta iniciativa —que contou coa colaboración do adestrador do Real Club Celta de Vigo, Claudio Giráldez— e destacou que o seu lema, xoga en equipo, reflicte a importancia da colaboración público-privada e a cooperación interinstitucional que defende a Xunta a prol do comercio de proximidade. Nesa liña, incidiu en que neste traballo en equipo participan os comerciantes, as diferentes administracións e a propia cidadanía, que coas súas eleccións de consumo contribúe a manter vivo o tecido local, un sector estratéxico para a vertebración do territorio, a fixación de poboación e o desenvolvemento económico e social.

Neste sentido, referiuse ao compromiso da Xunta coa dinamización do sector a través dunha ferramenta clave: o novo Plan Estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030. Trátase dunha folla de ruta cun investimento de 320 millóns de euros e máis de 70 accións, orientadas a fortalecer os principais axentes do ecosistema comercial —comerciantes, asociacións e federacións, centros comerciais abertos, artesáns ou prazas de abastos— e cuxo terceiro eixo está orientado precisamente a impulsar a gobernanza e a colaboración entre administracións a prol do comercio, como exemplifica, indicou, a campaña presentada hoxe, que conta co apoio da Xunta e da Deputación de Pontevedra.

Ademais, o Plan estratéxico Inclúe tamén actuacións pioneiras de comercio de atracción, como Vilas vivas ou Prato de mercado, ademais de accións para favorecer a remuda xeracional, o achegamento á mocidade —como Localízate— o emprendemento e a colaboración coa Rede de Polos. Así mesmo, contempla medidas de apoio aos oficios tradicionais, con axudas como a nova convocatoria publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia que, cun orzamento de 265.000 euros, está destinada a apoiar a asistencia de artesáns do Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia a feiras nacionais e internacionais, así como a financiar a súa organización por parte de concellos ou asociacións de artesáns.

Convenio coa Federación Galega de Comercio

Cómpre lembrar que este plan se complementa co impacto e a capilaridade que ofrece o convenio anual asinado coa Federación Galega de Comercio, que en 2025 dispón dun orzamento de 690.000 euros. O acordo céntrase en tres eixos fundamentais: o asesoramento e a formación, o impulso da dixitalización e a promoción comercial, con campañas clave como Días azuis —cuxo acto de entrega de premios terá lugar o vindeiro 26 de xuño na Cidade da Cultura de Santiago— e Merca no teu comercio, recoñecidas polo seu impacto positivo tanto na cidadanía como nos negocios.

No caso desta última, que arrancou este pasado domingo 15 de xuño, este ano prevese a entrega de premios en 40 vilas pequenas e medianas sen centros comerciais abertos, cun dobre obxectivo: por unha banda, reforzar o impacto da iniciativa nestes concellos e, por outra, fomentar o interese polo asociacionismo comercial.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/06/2025