A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, mantivo un encontro con empresarios da comarca de Arousa para analizar as necesidades de solo empresarial

Lorenzana anuncia que o vindeiro mes de xullo a Xunta iniciará a tramitación para ampliar o polígono industrial do Pousadoiro en Vilagarcía

Explica que se está a piques de rematar o estudo topográfico para delimitar a superficie real de urbanización na ampliación do parque e lembra que o informe de conexións exteriores xa está finalizado

Subliña que se trata “dunha zona de moito atractivo desde o punto de vista empresarial e no que vai haber demanda”

Lembra que se trata dun polígono supramunicipal situado entre Caldas e Vilagarcía e que forma parte de todo o desenvolvemento industrial do Salnés

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 17 de xuño de 2025

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, anunciou hoxe que “a finais do mes de xullo”, a Xunta iniciará xa a tramitación para ampliar o polígono industrial do Pousadoiro en Vilagarcía de Arousa que actualmente ten unha superficie de 210.749 metros cadrados.

Lorenzana mantivo esta mañá un encontro con empresarios de Vilagarcía e da comarca para, segundo apuntou, “coñecer de primeira man cales son as necesidades actuais de solo industrial da zona” co obxectivo de licitar en xullo a elaboración do instrumento urbanístico, é dicir, do Plan de ordenación de solo empresarial (Peose), do primeiro ámbito do polígono vilagarcián.

Despois do encontro, explicou que, “estamos a piques de rematar o estudo topográfico” que permitirá delimitar a superficie real que poderá ter a ampliación desta primeira fase, pois “é importante que sexa unha zona con escasas afeccións ambientais e con pouca pendente para poder desenvolvelo de forma áxil”, subliñou.

Nesta liña, a conselleira lembrou que xa se rematou tamén un informe das conexións exteriores “necesario para comezar a ordenación desa ampliación do polígono”, dixo, coa finalidade de dotalo coa rede de abastecemento de auga, o saneamento de pluviais e fecais, acceso á rede de gas natural e de conexións coas liñas de baixa e media tensión da rede eléctrica, así como ás redes de telecomunicacións.

Ademais, na reunión, María Jesús Lorenzana aproveitou para abordar cos empresarios as novas figuras de ordenación territorial postas en marcha pola Xunta neste 2025 como é caso das Zonas de Aceleración de Proxectos Empresariais de Solo (Zapes) “que permiten nunha colaboración público-privada tramitar ámbitos de solo ao mesmo tempo que se tramitan os proxectos empresariais”, apuntou.

Neste sentido dixo, “a partir de agora os empresarios comezarán a trasladarnos se algún deles ten necesidade xa inmediata de solo en paralelo a esta ampliación do polígono”. E engadiu, “o importante é traballar en paralelo a esta ampliación que temos clarísimo que se ten que desenvolver, con figuras que dean solución inmediata aos proxectos empresariais que teñan máis urxencia para medrar”.

Finalmente, Lorenzana sinalou que se “trata dunha zona que ten moito atractivo desde o punto de vista empresarial, os empresarios teñen clara a parte loxística, e temos claro que vai ser un solo aproveitado no que vai haber demanda”. Trátase dun polígono supramunicipal situado entre Caldas e Vilagarcía e que forma parte de todo o desenvolvemento industrial do Salnés e polo tanto, “o ámbito que agora se desenvolva pode estar en calquera dos dous termos municipais”, destacou.

Esta actuación para ampliar o polígono do Pousadoiro, enmárcase na estratexia do Goberno galego de dotar de solo industrial aqueles concellos e comarcas nos que hai demanda para atraer novas empresas ou consolidar as existentes, facilitando o seu asentamento e xerando emprego.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/06/2025