A Xunta defende en Estrasburgo a necesidade de que os Fondos Europeos para a industria sigan sendo xestionados polas rexións

O secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, Nicolás Vázquez, interveu hoxe na Conferencia da Alianza de Rexións Europeas con Industria da Automoción (ARA)

Sinala que, no caso de España, os programas que tiveron unha xestión centralizada lograron un nivel de execución e un grao de cumprimento de obxectivos moi por debaixo dos obtidos por parte dos que foron xestionados directamente polas comunidades autónomas

Para o sector da automoción, ve urxente medidas como flexibilizar as normativas e os obxectivos establecidos, e que se considere a posibilidade de que non se establezan os mesmos requirimentos para todos os segmentos de vehículos, en especial, para aqueles de menor tamaño

Estrasburgo (Francia), 17 de xuño de 2025

O secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, Nicolás Vázquez, interveu hoxe na Conferencia da Alianza de Rexións Europeas con Industria da Automoción (ARA), onde defendeu a necesidade de que os fondos europeos que permiten apoiar os sectores industriais sigan sendo xestionados polas rexións.

No encontro, celebrado no marco dos traballos para avanzar no Plan de Acción para o sector do automóbil que presentou a Comisión Europea en marzo, Nicolás Vázquez remarcou que Galicia é partidaria de que se manteña a descentralización dos fondos de cohesión para que as rexións poidan participar na súa planificación e execución, tal e como se vén demandando ao Goberno central.

De feito, sinalou que, no caso de España, os programas que tiveron unha xestión centralizada lograron un nivel de execución e un grao de cumprimento de obxectivos moi por debaixo dos obtidos por parte dos que foron xestionados directamente polas comunidades autónomas. “Pedimos firmemente que se siga contando coas rexións”, remarcou.

O secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético explicou na súa intervención que isto é clave para sectores como o da automoción, para o cal reclamou a adopción de medidas urxentes en Europa que garantan unha transición xusta para esta industria.

Entre elas, considerou indispensable que se flexibilicen as normativas e os obxectivos establecidos, e que se dea a posibilidade de que non se establezan os mesmos requirimentos para todos os segmentos de vehículos, en especial, para aqueles de menor tamaño. Tamén solicitou reconsiderar a aplicación de sancións previstas en caso de non alcanzar as metas fixadas, modificar as normas das axudas de Estado para ampliar as posibilidades de apoio, así como a simplificación das tramitacións que teñan que levar a cabo os proxectos que se vaian implantar na Unión Europea.

Segundo recalcou, estas medidas son moi necesarias non só para contribuír á transformación do sector, senón para que as empresas poidan competir coas de terceiros países nun escenario tan complexo como o actual, “onde está en risco a propia supervivencia desta industria se non se actúa de forma contundente”, concluíu.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/06/2025