A Xunta licita por máis de 400.000 euros as obras que completan a humanización e mellora da accesibilidade do núcleo de Moreiras, no concello de Toén

A actuación permitirá crear un conxunto de espazos de lecer en Moreiras, incluíndo un auditorio ao aire libre, a creación dunha zona de pérgolas, un área de xogos infantís e outra onde se instalarán aparatos biosaudables e unha pista multideportiva 

Ademais, dotarase a zona de alumeado e rede de pluviais e completarase con mobiliario urbano 

As empresas poderán presentar as súas ofertas ata o 16 de xullo

Esta intervención enmárcase no Plan Hurbe, co que a Xunta busca axudar aos concellos en humanizacións de espazos públicos ou dotacións para mellorar a calidade de vida da veciñanza e seguir fixando poboación

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2025

A Xunta licita por un orzamento de  400.381 euros obras que completarán a humanización e mellora da accesibilidade do núcleo de Moreiras, no concello de Toén.

A través desta actuación, trátase de crear un conxunto de espazos de lecer en Moreiras, incluíndo un auditorio ao aire libre, con escenario e bancos; a creación dunha zona de pérgolas con mobiliario para invitar ao descanso; un área de xogos infantís e outra onde se instalarán aparatos biosaudables (calistenia) e unha pista multideportiva.

Ademais, dotarase a zona de alumeado e rede de pluviais e completarase con mobiliario urbano.

Os traballos completarán outras tamén financiadas co apoio da Xunta e que permitiron urbanizar unha praza e mellorar a accesibilidade do núcleo de Moreiras.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle esta licitación, establecendo un prazo de presentación de ofertas que finalizará o vindeiro 16 de xullo.

Esta nova obra enmárcanse nun convenio de colaboración da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas e o Concello de Toén ao abeiro do Plan Hurbe. Baixo este acordo, a Xunta asumirá o 70% do orzamento desta intervención, e o Concello achegará o 30% restante.

O Plan Hurbe ten como obxectivo colaborar cos municipios galegos en intervencións que permitan humanizar espazos públicos ou dotarse de equipamentos, a fin de mellorar a calidade de vida da veciñanza e seguir fixando poboación.

Data de actualización: 22/06/2025