A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, visitou hoxe a VI Feira do automóbil híbrido e eléctrico de Ribeira
Lorenzana avanza que a partir do vindeiro 30 de xuño xa se poderán solicitar as axudas do novo MOVES III 2025
Este programa de axudas vai contar nesta convocatoria cun orzamento de 19,6 M€
En Galicia, as tres edicións que se levan convocado suman 54 M€ de orzamento e 13.743 solicitudes por importe de 73,8 M€
Lamenta que, a pesar de que o que se lle leva pedindo ao Goberno por parte de comunidades autónomas e sector é un MOVES IV que corrixa as deficiencias do actual modelo, non foi así
Lorenzana contrapón a este programa o que convoca a Xunta de Galicia con fondos propios, o Renova o teu vehículo; un modelo de axudas (de ata 4.600 euros) aplaudido polo sector porque implica un desconto directo na factura de compra
Ribeira (A Coruña), 21 de xuño de 2025
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, anunciou hoxe que o Diario Oficial de Galicia (DOG) do vindeiro 30 de xuño publicará a convocatoria das axudas do novo Plan MOVES III 2025, que subvenciona a compra de vehículos eléctricos e a instalación de infraestruturas de recarga.
Lorenzana visitou hoxe a VI Feira do automóbil híbrido e eléctrico de Ribeira, onde concretou que este programa de axudasvai contar nesta convocatoria cun orzamento de 19,6 M€. Segundo dixo, en Galicia, as tres edicións que se levan convocado suman 54 M€ de orzamento e 13.743 solicitudes por importe de 73,8 M€.
A conselleira lamentou que, a pesar de que o que se lle leva pedindo ao Goberno por parte de comunidades autónomas e sector é un MOVES IV que corrixa as deficiencias do actual modelo, non foi así.
Nese sentido, contrapuxo a este programa o que convoca a Xunta de Galicia con fondos propios, o Renova o teu vehículo. Un modelo de axudas (de ata 4.600 euros) aplaudido polo sector, resaltou, porque é o propio concesionario o que fai o desconto do total a pagar, co cal se resolve a concesión e o pagamento simultaneamente; é dicir, implica un desconto directo na factura de compra.
A última edición do Plan Renova o teu vehículo, foi “un verdadeiro éxito”, lembrou, porque esgotou os fondos (3,17 M€) en apenas un mes e medio desde que se convocou en xaneiro. Recibíronse 1.491 solicitudes por valor de 3,32 M€ que mobilizaron 33,5 M€.
Neste sentido, volveu ratificar que a Xunta vai seguir traballando da man dos concesionarios para estimular a demanda e promocionar as vendas de vehículos eficientes, porque tamén é necesario actuar neste último elo da cadea para impulsar unha transición xusta no sector, concluíu.