Aberto o prazo para inscribirse nas Leccións xacobeas internacionais da USC que este ano se centran nos sabios do Camiño e a peregrinación
Organizadas pola Cátedra do Camiño de Santiago da USC, desenvolveranse do 14 ao 17 de xullo en Santiago de Compostela
Santiago, 21 de xuño de 2025
A Cátedra do Camiño de Santiago e as Peregrinacións da USC organiza unha nova edición das Leccións xacobeas internacionais da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Este ano alcanza a súa 16 edición baixo a clave “Sabios do Camiño de Santiago e a Peregrinación”. O curso ten unha duración total de 30 horas e conta con 70 prazas suxeitas a inscrición previa, con prazo límite para anotarse o 4 de xullo.
A acción formativa de verán desenvolverase do 14 ao 17 de xullo en Santiago de Compostela. Estará dirixido por Miguel Taín Guzmán, director da Cátedra, e por Domingo González Lopo. Estruturarase en cinco seccións, a través das que se realizarán distintos faladoiros que farán un repaso por aspectos históricos relacionados co Camiño e abundarase en distintas investigacións actuais relacionadas coa Cátedra e coas rutas xacobeas. Esta parte desenvolverase no auditorio do Museo das Peregrinacións e de Santiago.
O programa completarase con outras actividades fóra do auditorio, como un percorrido guiado para coñecer os tesouros da Catedral ou unha andaina que percorrerá un tramo do Camiño Primitivo, entre O Acebo e A Fonsagrada.