A Xunta adxudica as obras de mellora de firme en varias estradas da área de Pontevedra, por máis de 2 M€

O obxectivo é acondicionar a capa de rodaxe nas estradas PO 532, PO-542, PO-546, e PO-551, ao paso por Pontevedra, Marín, Ponte Caldelas, Bueu e Cangas

Os traballos tamén inclúen a mellora dalgunhas glorietas, unha área de descanso e a instalación de varios elementos de seguridade

Nos vindeiros días asinarase o contrato destas obras e previse o inicio destas ao longo do mes de xullo

O Goberno galego segue traballando na conservación e mantemento da rede de estradas autonómicas co fin de reforzar a seguridade viaria

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2025

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, vén de adxudicar as obras de mellora de firme en varias estradas da área de Pontevedra, cun investimento de 2,3M€.

Este contrato adxudicado á empresa Narom S.L asinarase nos vindeiros días e as obras prevense comezar ao longo do mes de xullo. O obxectivo da Xunta é poder ter executadas as obras para inicios do vindeiro ano, ao contar cun prazo estimado de execución de 6 meses.

Trátase de mellorar o firme de preto de 27 quilómetros das estradas PO-532, PO-542, PO-546 e PO-551, ao paso polos municipios de Pontevedra, Marín, Bueu, Cangas ou Ponte Caldelas.

De xeito máis concreto, na PO-532 reporase a capa de rodaxe, incidindo especialmente nos tramos que se atopan dos puntos quilométricos  3+000 ao 7+000 e do 12+880 ao 14+200, incluíndo a glorieta da Reigosa.

Na estradas PO-542, ademais das reparacións de firme tamén se proxecta un cambio de sentido que aproveitará o trazado da antiga estrada á altura do punto quilométrico 0+350.

Ademais, está previsto rehabilitar a área de descanso que se atopa na marxe esquerda entre o punto quilométrico 4+100 e o 4+230.

A PO-546, que comeza en Pontevedra e remata no concello de Marín, contará cun reforzo no tramo que vai do punto quilométrico 1+800 ata o 4+098, á altura da intersección da glorieta coa rúa Avelino Moreno. 

Por último, na PO 551 que une Marín e Moaña, actuarase nos treitos da estrada no seu percorrido polos municipios de Bueu e Cangas. En concreto, mellorarase o firme do tramo que vai dende o punto quilométrico 9+000 ao 14+700, incluíndo a glorieta da Madalena, e entre o 5+100 e o 6+300. Tamén se prevé actuar nas glorietas do Mexillón (19+100); na do porto de Cangas (19+450); e na do Gordo ( 21+380). 

O departamento que dirixe María M. Allegue segue traballando na conservación e mantemento da rede de estradas autonómicas co fin de reforzar a seguridade viaria e contribuír ao desenvolvemento económico e social da comunidade.

 

Data de actualización: 23/06/2025