Galicia acollerá dúas accións piloto para crear corredores ecolóxicos e mellorar a biodiversidade dos organismos que viven nas árbores ocas a través do proxecto europeo GIFT

A primeira delas consistirá no plantado de árbores e arbustos nas marxes dos camiños na zona de reestruturación parcelaria da parroquia de Fisteus, no concello de Curtis, restaurando sebes para que funcionen como corredores ecolóxicos

A segunda executarase mediante a instalación de caixas de madeira con manto en tres localizacións galegas para que sexan colonizadas e así aumentar a biodiversidade e acelerar os procesos biolóxicos de forma natural

Os socios galegos do proxecto GIFT mantiveron este mes unha reunión para coordinar os traballos, que se desenvolverán durante doce meses, entre o 1 de setembro deste ano e o 31 de agosto de 2026

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2025

Galicia vai ser o escenario de dúas accións piloto para crear corredores ecolóxicos e mellorar a biodiversidade e a infraestrutura verde dos organismos que viven nas árbores ocas mediante a instalación de caixas de madeira con manto en zonas forestais. Ambas iniciativas foron aprobadas a socios do proxecto europeo Infraestrutura Verde para Bosques e Árbores (GIFT) no marco da convocatoria de actividades do programa Interreg Europe-Feder e ao abeiro da iniciativa Infraestrutura verde na paisaxe (Green InfrasTREEcture in the Landscape).

A primeira acción piloto é unha actividade de restauración de sebes ao longo dos camiños rurais, que se basea na boa práctica Árbores para todos, presentada polos socios holandeses, o goberno provincial de Fryslân (Países Baixos), que asesorará a Galicia no seu desenvolvemento. Os traballos consistirán no plantado de árbores e arbustos nas marxes dos camiños na zona de reestruturación parcelaria da parroquia de Fisteus, no concello coruñés de Curtis, restaurando sebes para que poidan funcionar como corredores ecolóxicos.

O plantado contará coa participación activa dos propietarios que estean interesados en formar parte da iniciativa, para o que se lles proporcionarán as plantas necesarias para formar as sebes. Ademais poderán optar a un dos premios convocados para os participantes a través do concurso público A liga das sebes.

A segunda das accións, presentada polos socios suecos do GIFT -que lidera o Instituto de Estudos do Territorio (IET) da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático- executarase mediante a instalación de caixas de madeira con manto para mellorar a biodiversidade e a infraestrutura verde dos organismos que viven nas árbores ocas en tres localizacións con características naturais e ambientais moi diferentes.

Unha delas será unha zona afectada por incendios forestais do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés, a segunda será unha área reforestada con especies autóctonas en substitución de alóctonas na Comunidade de Montes de Couso, en Gondomar, e en terceiro lugar, na parroquia de Fisteus, no concello de Curtis, na mesma contorna na que se vai desenvolver o proxecto de corredores ecolóxicos.

As caixas, que terán no seu interior un manto para imitar os microhábitats de árbores veteranas, localizaranse en zonas forestais que non acadaron a madurez para que sexan colonizadas e así acelerar os procesos biolóxicos de forma natural. Deste xeito, analizando o punto de partida en termos de biodiversidade e facendo un seguimento continuo, poderase coñecer o número, tipo de especies e exemplares existentes.

O fin último é que a acción piloto resulte útil para o territorio e que contribúa á mellora en termos de paisaxe, biodiversidade e conectividade ecolóxica. De feito, en función dos resultados a iniciativa podería integrarse na Estratexia da paisaxe que o Goberno galego está a redactar e que está previsto aprobar a finais deste ano.

De feito, este mes de xuño celebrouse a primeira das reunións para a coordinación das actividades entre as partes implicadas -a Comunidade de Montes Veciñais en Mancomún de Couso (Gondomar), a Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural da Consellería do Medio Rural e a Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático- coa finalidade de acordar os detalles das actividades deseñadas e concretar o seu cronograma, que deberán desenvolverse entre o 1 de setembro deste ano e o 31 de agosto de 2026.

Deste xeito, o proxecto GIFT foi un dos 26 que optaron á convocatoria de Interreg Europe para desenvolver este tipo de accións e das 42 aprobadas, dúas corresponden ao grupo de traballo liderado polo IET, que se vai executar en Leipzig e Galicia respectivamente ata finais de agosto de 2026. O obxectivo principal da acción Infraestrutura verde na paisaxe é contribuír a mellorar a política de paisaxe mediante a incorporación de criterios de biodiversidade, conectividade ecolóxica e multifuncionalidade, especialmente en ámbitos arborados.

Máis de 2 M€ de orzamento

Cómpre lembrar que a finalidade principal do programa GIFT é fomentar a política de cohesión, facilitando o intercambio de experiencias e coñecementos de éxito no eido das infraestruturas verdes, centradas en bosques e árbores, a transferencia de boas prácticas e a aprendizaxe entre os socios.

Impulsado no marco do programa Interreg Europe-Feder e cun orzamento de máis de 2 millóns de euros tras a aprobación destas dúas accións piloto -o 80% procedente de Fondos Feder e o 20% restante da Xunta-, este proxecto pon especial énfase e atención nos bosques, nas árbores e nas paisaxes que albergan, procurando a recuperación de servizos ecosistémicos relacionados coa biodiversidade, o clima, a auga e a erosión, entre outros.

No proxecto, que lidera o IET, participan nove entidades máis de países e rexións da Unión Europea: o goberno rexional de Västra Götaland (Suecia), a Axencia Territorial de Flandes (Bélxica), os gobernos provinciais de Fryslân (Países Baixos) e Rimini (Italia), a Axencia Rexional de Leipzig (Alemaña), o Instituto Forestal Esloveno, o Centro de Apoio Empresarial de Kranj (ambos de Eslovenia), a Universidade de Letonia e a cidade de Zagreb (Croacia).

Data de actualización: 28/06/2025