A Xunta adxudica por máis de 2,3 M€ as obras da reforma do firme en catro estradas da comarca de Sarria e Chantada
Acondicionarase o firme en varios treitos das estradas LU-533, LU-536, LU-636 e LU-622, que discorren polos concellos do Saviñao, Sarria e Láncara.
Os traballos consistirán na rehabilitación superficial do firme destas estradas, con actuacións nunha lonxitude total que rolda os 21 quilómetros, restaurando as características do pavimento, adecuando as súas necesidades funcionais e de durabilidade
Dentro das actuacións do contrato contémplase a execución de tamén a reposición da sinalización horizontal, así como actuacións puntuais de cunetas remontables na LU-622, en Sarria
Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2025
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas adxudicou por un importe de 2.333.870 euros as obras de reforzo de firme en catro estradas autonómicas pertencentes á provincia de Lugo.
Este contrato, adxudicado á empresa Grupo Bascuas 2008 S.L, asinarase nos vindeiros días e prevese comezar coas obras ao longo do vindeiro mes de xullo. Os traballos contan cun prazo de execución de 6 meses.
O obxectivo é levar a cabo unha renovación do firme para o mantemento e conservación das vías LU-533, LU-536, LU-636 e LU-622, que discorren polos concellos do Saviñao, Sarria e Láncara.
As intervencións consistirán na rehabilitación do firme destas estradas, con actuacións nunha lonxitude total que rolda os 21 quilómetros, que inclúen a restauración e mellora das características do pavimento, adecuando as súas necesidades funcionais e de durabilidade.
Neste contrato inclúese tamén a reposición da sinalización horizontal nas catro estradas, así como a mellora da drenaxe mediante a substitución de cunetas remontables na LU-622. A actuación permitirá a fluidez e seguridade do tráfico, permitindo a continuidade dos actuais itinerarios.
O departamento que dirixe María M. Allegue segue a traballar para manter as vías de titularidade da Xunta nas mellores condicións e para garantir a seguridade viaria aos usuarios.