A Xunta traslada o seu apoio á nova directiva da Hermandad Gallega de Venezuela para seguir fortalecendo a comunidade galega no país

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, mantivo en Caracas un encontro coa directiva saínte da Hermandad Gallega de Venezuela e asistiu á toma de posesión coa nova directiva coa que posteriormente tamén se reuniu 

O secretario xeral da Emigración agradeceu á directiva saínte o traballo realizado durante os últimos anos en favor da colectividade galega residente no país

Venezuela, 28 de xuño de 2025

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, mantivo en Caracas un encontro coa directiva saínte da Hermandad Gallega de Venezuela e asistiu á toma de posesión coa nova directiva coa que posteriormente tamén se reuniu. 

Na xuntanza coa directiva saínte, encabezada por Noemí García, o secretario xeral da Emigración agradeceulle o traballo realizado durante os últimos anos en favor da colectividade galega residente no país. Recordou que Noemí García foi a primeira muller en presidir unha entidade tan relevante e actualmente o Centro Galego con máis socios e servizos. Ademais, destacou a dedicación e o esforzo da entidade para manter viva a galeguidade en circunstancias complexas, garantindo un espazo de encontro, apoio mutuo e preservación da identidade cultural. 

Neste sentido, recoñeceu o papel fundamental que xogou a Hermandad Gallega como referente da comunidade galega en Venezuela e puxo en valor a colaboración constante coa Xunta de Galicia a través de programas sociais, culturais e asistenciais. 

Nova directiva

A nova directiva da Hermandad Gallega de Venezuela está encabezada por Jesús Alberto Bello Couselo, quen asume a presidencia da entidade logo dunha traxectoria destacada dentro da institución. No acto de toma de posesión, Miranda desexou éxitos á nova xunta directiva nesta nova etapa e trasladou o compromiso do Goberno galego de seguir apoiando á entidade, ofrecendo continuidade ás iniciativas que melloren a calidade de vida e a atención dos galegos e galegas residentes no país.

Ademais, o responsable autonómico mantivo un encontro de traballo cos novos responsables da entidade, no que abordaron as principais necesidades da colectividade galega en Venezuela e as vías de colaboración coa Xunta de Galicia, tanto no eido social como no cultural e asistencial.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/06/2025