A Xunta recibe 4 ofertas para as obras de mellora de 13 travesías urbanas en Ourense, entre elas a renovación integral do treito da OU-413 na subida ao seminario
Actuarase en trece rúas e avenidas integradas na trama urbana da cidade, que suman trece quilómetros de lonxitude, para rehabilitar o firme da calzada e reparar as beirarrúas que o precisen, cun investimento total de 2,8M€
O treito da subida ao Seminario será obxecto dunha renovación integral, que inclúe a reordenación do espazo, novos tramos de beirarrúa, a execución dun novo paquete de firme e a renovación das redes de servizos públicos
A previsión da Xunta é iniciar estes traballos no mes de outubro
Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2025
A Xunta recibiu catro ofertas de empresas para executar as obras de conservación e mellora de trece estradas autonómicas ao seu paso polo concello de Ourense, que licitou por 2,8M€. A actuación central será a renovación integral da OU-413 da subida ao Seminario, que supón 1M€ do citado investimento. A previsión da Xunta é iniciar estes traballos no mes de outubro.
A través da intervención mellorarase a conservación de 13 rúas e avenidas, integradas na trama urbana da cidade de Ourense, pero de titularidade autonómica, que suman unha lonxitude aproximada de trece quilómetros. En concreto, intervirase na rúa Peña Trevinca, río Arnoia, Sáenz Díez, Progreso, avenida de Buenos Aires, Emilia Pardo Bazán, Isaac Piñeiro Varela, Velázquez, Ponferrada, Bispo Lourenzo, avenida de Zamora, Coruña e rúa Seminario.
Serán obras de reparación, rehabilitación e reforzo dos firmes e pavimentos, tanto das beirarrúas como das calzadas, complementadas coa renovación completa da sinalización horizontal e outras pequenas intervencións para garantir a seguridade viaria e a accesibilidade. Será o caso de melloras de accesibilidade nas beirarrúas da rúa Río Arnoia, e tres treitos de novas beirarrúas: 130 metros na rúa Velázquez, 70 metros na rúa Bispo Lorenzo, e 100 metros na Avenida de Zamora desde a intersección coa rúa Marie Curie ata o seguinte paso de peóns.
A intervención irá máis aló no caso da subida ao Seminario (OU-413), xa que implicará unha renovación integral deste treito de medio quilómetro, que inclúe a reordenación do espazo, a mellora da mobilidade peonil mediante novos tramos de beirarrúa e novos pasos peonís, a execución dun novo paquete de firme e a renovación na súa totalidade as redes de servizos públicos, soterrando as liñas aéreas existentes.