O Servizo Galego de Saúde publica a nova relación de persoas seleccionadas no concurso-oposición para o ingreso como persoal estatutario fixo na categoría de enfermeiro especialista en saúde mental
Neste proceso selectivo resultaron seleccionados 31 enfermeiros especialistas en saúde mental
Estas prazas súmanse ás 2 ofertadas no proceso de estabilización e ás 94 convocadas a través do concurso para a provisión de postos de difícil cobertura, acadando un total de 127
Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2025
O Diario Oficial de Galicia publica, na súa edición de hoxe, a resolución da Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde pola que se dá a coñecer a nova relación de aspirantes seleccionados no concurso-oposición para o ingreso como persoal estatutario fixo na categoría de enfermeiro especialista en saúde mental, convocado pola resolución do 15 de decembro de 2022.
Resultaron seleccionados 31 enfermeiros especialistas en saúde mental, dos cales 28 accederon pola quenda de acceso libre, dous por promoción interna e un pola quenda de discapacidade xeral.
A estas 31 prazas ofertadas polo sistema de concurso-oposición hai que engadirlle as dúas prazas ofertadas no proceso selectivo de estabilización polo sistema de concurso de méritos, e as 94 prazas que se ofertaron no proceso selectivo convocado en aplicación da Lei 2/2022, do 6 de outubro, de medidas extraordinarias dirixidas a impulsar a provisión de postos de difícil cobertura de determinado persoal estatutario con título de especialista en ciencias da saúde do Servizo Galego de Saúde, que establece medidas extraordinarias e temporais en materia de emprego público dirixidas a garantir a adecuada atención sanitaria de toda a poboación galega.
Sumando a totalidade de prazas ofertadas para esta categoría estatutaria nos referidos procesos selectivos, obtense un total de 127 prazas.
Cada aspirante poderá consultar o detalle da puntuación obtida nas distintas epígrafes do baremo no seu expediente electrónico persoal en Fides/expedient-e/sección de procesos.
Presentación de documentación
Coa publicación desta resolución ábrese un prazo de 10 días hábiles, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución (do 9 ao 22 de xullo), para que os aspirantes que foron seleccionados no proceso presenten a documentación requirida.
Co obxecto de facilitar a súa presentación, porase á disposición dos aspirantes, na páxina web do Servizo Galego de Saúde no apartado de emprego público, os modelos de declaración responsable de non ter a condición de persoal estatutario da mesma categoría nin de ter sido separado do servizo.
Habilitouse un enderezo de correo electrónico no que os aspirantes poderán dirixir as súas dúbidas ou consultas: oposicions@sergas.es.