A Xunta reivindica a sustentabilidade como eixo estratéxico para mellorar a competitividade das pemes galegas

A directora do Igape, Covadonga Toca, participou hoxe na apertura do III Foro de Sustentabilidade e Economía Circular, destacando o novo contexto europeo e as oportunidades que abre a transición verde

O Goberno galego activará nos próximos días unha nova convocatoria de axudas para apoiar as pemes na integración de criterios ambientais, sociais e de gobernanza (ASG)

A liña está dotada con 1M€ e cubrirá ata o 80 % do investimento, incluíndo actuacións como eficiencia enerxética, deseño sostible, inclusión ou certificacións responsables

Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2025

A directora do Igape, Covadonga Toca, participou esta mañá na apertura do III Foro de Sustentabilidade e Economía Circular, un encontro organizado pola Asociación para o Progreso da Dirección (APD), en colaboración co Círculo de Empresarios de Galicia e Nordés Club Empresarial, no que salientou o papel clave que xogan a innovación, a responsabilidade social e a eficiencia ambiental como motores de competitividade para o tecido empresarial galego.

Durante a súa intervención, Toca sinalou que “a sustentabilidade xa non é unha opción, senón o camiño que temos que percorrer se queremos que as nosas empresas sigan sendo competitivas, eficientes e comprometidas co futuro”. Así, subliñou que Galicia está a apostar por un modelo económico “máis forte porque é máis sostible, máis xusto porque é máis transparente, e máis competitivo porque está aliñado co futuro”.

A directora do Igape contextualizou os retos actuais nun escenario global marcado pola inestabilidade xeopolítica, o cambio climático ou a fragmentación das cadeas de subministración. Neste marco, destacou que a nova normativa europea, articulada arredor do Pacto Verde, “xa está impactando na actividade empresarial e marcará o rumbo económico dos vindeiros anos”. Medidas como o CBAM, a directiva sobre dilixencia debida ou os informes ASG obrigatorios configuran un novo marco ao que “cómpre adaptarse con visión e acción intelixente”.

Nova convocatoria de axudas ASG para pemes

Entre as medidas concretas impulsadas pola Xunta, Covadonga Toca anunciou que “nos próximos días publicarase unha nova liña de axudas para pemes. Trátase dunha convocatoria dotada con 1 millón de euros, que permitirá financiar ata o 80 % dos investimentos, materiais e inmateriais, cun límite de 60.000 euros por proxecto e coa posibilidade de recibir un anticipo automático do 80 % da axuda concedida.

As actuacións subvencionables abranguen desde a mellora da eficiencia enerxética ata o deseño de envases ecoeficientes, pasando pola implantación de programas de inclusión, ética laboral, transparencia financeira ou certificacións como B-Corp ou ISO 14006. A convocatoria tamén recolle proxectos que aposten polo eco-deseño, a reutilización de residuos ou a implementación de sistemas intelixentes para o control de consumos e emisións.

A directora do Igape avanzou tamén que se está a traballar en novas liñas de apoio para empresas certificadas como B Corp e na adaptación das axudas ao novo programa normativo simplificador en sostenibilidad empresarial aprobado pola Comisión Europea (Paquete Ómnibus), co obxectivo de garantir unha transición verde “realista, ordenada e xusta”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 10/07/2025