A Xunta adxudica por máis de 11,6 M€ a construción do novo colexio do Milladoiro, no concello de Ames

Trátase do primeiro centro construído en base aos parámetros do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica e dá resposta á necesidade de prazas nun dos concellos de maior dinamismo demográfico

O centro distribuirase en 2 andares, con 6 aulas de Infantil, 12 de Primaria, 4 de apoio educativo, aula de música e sala de usos múltiples

O colexio será totalmente accesible e contará con espazos multidisciplinares, flexibles e adaptados ao ensino do século XXI

Santiago de Compostela, 11 de xullo 2025

A Xunta vén de adxudicar por máis de 11,6 M€ as obras do novo colexio do Milladoiro, no concello de Ames.

Este contrato, adxudicado á empresa Puentes y Calzadas Infraestructuras S.L.U, ten un prazo de execución de 18 meses.

Trátase do primeiro centro construído integramente en base aos parámetros do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, dando a Xunta resposta á necesidades de prazas nun dos concellos de maior dinamismo demográfico de Galicia.

Esta obra, que contrata a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas será sufragada con fondos da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, co cofinanciamento dos fondos europeos.

O colexio será totalmente accesible e contará con espazos multidisciplinares, flexibles e adaptados ao ensino do século XXI.

O centro contará cunha superficie construída de 4.384,73 m² distribuída en dous andares, nos que se disporán seis aulas de Infantil e 12 de Primaria, cos aseos correspondentes, así como outras catro de apoio educativo e desdobramento de grupos, aula de música e sala de usos múltiples.

A biblioteca terá acceso directo desde o vestíbulo e desde o exterior e o ximnasio terá dúas alturas, gradas e vestiarios. Tamén estará dotado con área de administración (con despachos, conserxería, local para a Anpa, etc) comedor e zonas de servizos comúns.

Ademais, o novo colexio terá un espazo específico para Polo Creativo, no que o alumnado poderá traballar as competencias STEM a través de proxectos de robótica ou intelixencia artificial, equipado cos materiais necesarios. No que atinxe aos espazos exteriores, estará dotado de zona cuberta e descuberta exterior para as aulas de Infantil e de pista polideportiva cuberta e descuberta.

Accesibilidade

A accesibilidade do edificio garántase evitando calquera tipo de barreira, con accesos directos tanto desde o interior como desde o exterior do edificio a boa parte das estancias. Haberá itinerarios de circulación intuitivos e libres de obstáculos, en prol dunha orientación máis sinxela, e espazos de comunicación ben iluminados con luz natural. Isto completarase coa colocación de sinalética de gran tamaño e cor facilmente visibles.

Tanto no exterior do edificio como nos espazos interiores haberá superficies podotáctiles que guíen ao acceso, vestíbulo e outros puntos de importancia del edificio. Os diferentes espazos exteriores serán tamén accesibles a todos mediante ramplas.

Data de actualización: 11/07/2025