As obras de prolongación da autovía AG-59 farán necesario o corte de tráfico no enlace da Ramallosa a partir deste luns, 14 de xullo
Pecharase o treito entre o enlace dos Verxeles e o da Ramallosa e o tráfico desviarase cara á estrada AC-841 por unha estrada de titularidade da Deputación da Coruña
A afección comezará este luns e manterase ata o 5 de setembro, a época do ano con menor intensidade de tráfico, o que minimizará as molestias
O peche permitirá finalizar a plataforma no enlace ata a capa intermedia de aglomerado, restando só o estendido da capa de rodaxe xunto co resto do tronco da autovía
A Xunta segue avanzando nas obras de prolongación da AG-59 no treito entre Ramallosa e Pontevea, coa previsión de finalizalo este ano e cun investimento de máis de 33 M€
Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2025
O avance nas obras de prolongación da autovía Santiago-A Estrada (AG-59) fará necesario o corte de tráfico do enlace da Ramallosa a partir do luns 14 de xullo.
A afección comezará este luns e manterase ata o 5 de setembro, un periodo acaído ao considerar os datos de tráfico que indican que é a época do ano con menor intensidade.
Pecharase o treito entre o enlace dos Verxeles e o da Ramallosa e o tráfico desviarase cara á estrada AC-841 por unha estrada de titularidade da Deputación da Coruña.
Este corte é necesario para acadar unha maior seguridade dos usuarios da autovía e dos traballadores da obra para poder avanzar cara ao final da execución da primeira fase da prolongación da autovía entre A Ramallosa e A Estrada.
Este peche da circulación permitirá finalizar a plataforma no enlace ata a capa intermedia de aglomerado, quedando só pendente o estendido da capa de rodaxe xunto co resto do tronco da autovía.
Cómpre lembrar que inicialmente este enlace se licitara na obra como semienlace, pero a petición do concello de Teo se modificou a súa configuración para permitir todos os movementos, o que tamén se materializará no enlace final do treito na AC-241.
A Xunta segue avanzando nas obras de prolongación da autovía AG-59, entre Ramallosa e Pontevea, coa previsión de finalizalo este ano e cun investimento de máis de 33 M€.
O Goberno galego tamén ten en marcha o proxecto para a última fase desta autovía, entre Pontevea e O Rollo, de 4 km e cun investimento de máis de 30 M€.
Unha vez rematados os 7,5 km da prolongación desta autovía, libre de peaxe, os tempos da viaxe entre Santiago de Compostela e A Estrada reduciranse a 10 minutos, ademais de mellorar a seguridade viaria, tras un investimento global de máis de 67 M€.