A Xunta financia con preto de 20.000 euros as obras de mellora da fachada e cuberta da escola de Vilariño, no concello de Meis
As obras foron posibles grazas á liña de axudas para a corrección de impactos paisaxísticos do Executivo galego, que beneficiaron a seis concellos da provincia de Pontevedra por valor de máis de 116.000 euros
O delegado territorial destacou a importancia de colaborar coas administracións locais para conseguir unha Galicia máis atractiva para os veciños e os visitantes
Meis (Pontevedra), 15 de xullo de 2025
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá o concello de Meis, que recibiu unha subvencións por un importe de preto de 20.000 euros ao abeiro das axudas para actuacións de corrección de impactos paisaxísticos da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.
A axuda permitiu renovar a cuberta e a fachada da escola de Vilariño, co fin de optimizar o seu illamento e mellorar así a comodidade dos alumnos e docentes que cada día acoden ao edificio.
Cabe destacar que as accións subvencionables inclúen por un lado, a renovación e remate exterior de fachadas, cubertas e muros de cerramento de edificios municipais así como a mellora do aspecto e conservación de elementos etnográficos como fontes, lavadoiros, palcos de música e hórreos e doutro tipo de equipamentos públicos.
Na provincia de Pontevedra tamén se beneficiaron da convocatoria de axudas deste ano os concellos de Dozón, Caldas de Reis, Fornelos de Montes, Pazos de Borbén e Covelo. En total, o investido nesta liña de axudas na provincia de Pontevedra supera os 116.000 euros.
O delegado territorial aproveitou a visita para lembrar a necesidade de “seguir colaborando cos concellos para conseguir unha Galicia máis atractiva para os veciños e os visitantes”.