A delegada da Xunta visitou o xacemento arqueolóxico do castro da Torre de Morgade que conta cunha achega do Goberno galego
Belén do Campo anuncia que a Xunta investirá máis de 200.000€ este ano en 14 actuacións arqueolóxicas na provincia da Coruña
Na comarca de Ordes actúase no Castelo de Morgade de Ordes e no castro da Croela de Trazo
A partida abrangue intervencións directas de acondicionamento e mantemento en xacementos e outras tarefas de estudo, documentación e divulgación dos bens
Ordes (A Coruña), 18 de xullo de 2025
A delegada da Xunta Belén do Campo, acompañada polo alcalde de Ordes, José Luis Martínez e polo director territorial da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, Severino Álvarez, visitou, esta mañá, o xacemento arqueolóxico do castro Torre de Morgade no que se levou a cabo una intervención de limpeza, sondaxe e cartelería, financiada pola Xunta de Galicia.
O xacemento confórmase en torno ao cume dun outeiro localizado nun esporón en torno ao rego de Morgade. Está constituído por un único recinto de planta circular completamente rodeado por un parapeto de terra e un foso dunha profundidade de entre 8 e 10 m e un ancho de entre 5 e 8 m.
As actuacións, que remataron estes días, consistiron na realización de sondaxes arqueolóxicas valorativas dunha área de aproximadamente 60 m² distribuídos ao longo da parcela, na elaboración dunha diagnose de conservación das estruturas localizadas e no levantamento topográfico xeorreferenciado, mediante fotogrametría 3D, da área de actuación. A intervención contempla tamén o debuxo arqueolóxico das estruturas exhumadas e a elaboración dun vídeo e fotografía aérea con tomas xerais do xacemento e de detalle da área de actuación. Ademais, o proxecto contempla un estudo dos materiais arqueolóxicos recuperados e o tratamento dos mesmos e depósito no museo correspondente.
A proposta financiada polo Goberno autonómico tamén recolle a realización de accións de difusión da actuación realizada (charlas, visitas) sobre os valores propios do sitio e a realización de visitas guiadas, como a realizada hoxe, unha vez rematada a actuación. Finalmente, elaboraranse contidos divulgativos (texto, fotografía, gráficos e vídeos) e instalarase un cartel indicador xunto coa elaboración dunha proposta de itinerario para a visita pública do ben.
Durante o percorrido polo xacemento do municipio a delegada reiterou que un dos obxectivos fundamentais da Xunta con esta planificación de actuacións é, ademais da conservación, “a posta en valor destes bens patrimoniais e a apertura á poboación para o seu coñecemento, así como a investigación, que sempre nos permite continuar a facer achados de gran relevancia para a nosa historia”.
Actuacións na provincia
A delegada da Xunta aproveitou a visita para informar que a Xunta de Galicia destina este ano, máis de 200.000 euros a 14 actuacións arqueolóxicas en 13 concellos da provincia da Coruña, das cales dúas delas son na comarca de Ordes, concretamente no castro da Torre de Morgade e na limpeza e posta en valor do castro da Croela en Trazo. En toda Galicia está previsto un investimento de 1,5 M€ para 81 accións en xacementos ao abeiro do Plan de actuacións arqueolóxicas.
Así, tal e como explicou Belén do Campo, “trátase de intervencións que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude realiza en solitario ou en colaboración con institucións académicas e concellos, incluíndo tarefas que van desde escavacións, limpezas, prospeccións, reparacións ou traballos paralelos de documentación para o desenvolvemento de accións divulgativas, cartelerías, así como outros labores de xestión precisos para a salvagarda do patrimonio.
Deste xeito, a actividade arqueolóxica financiada polo Executivo autonómico abrangue moi diversos enclaves que van desde castros, castelos, vilas romanas, minas, mámoas, ou arte rupestre, entre outros.