A Xunta convoca as axudas para seguir impulsando a corresponsabilidade e que cada vez sexan máis homes os que pidan a redución da xornada laboral
A convocatoria deste ano, dotada de 620.000 euros, ofrece axudas que poden oscilar entre os 1.700 e os 3.700 euros por un período máximo de oito meses
Está dirixida a todo tipo de unidades familiares con fillas ou fillos de ata 3 anos ou 12 no caso de ter recoñecida unha discapacidade igual ou superior ao 33%
Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2025
O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a convocatoria de axudas deste ano para compensar a redución da xornada de traballo das familias para atender ás súas fillas e fillos de ata 3 anos ou 12 no caso de ter recoñecida unha discapacidade igual ou superior ao 33%. O obxectivo é continuar impulsando a corresponsabilidade e que cada vez sexan máis homes os que pidan a redución da xornada laboral.
O Goberno galego destina a estas achegas 620.000 euros, que están financiadas nun 60% pola Unión Europea no marco do Programa FSE+Galicia 2021-2027. As persoas interesadas teñen de prazo para solicitalas ata o vindeiro 14 de agosto.
A finalidade desta orde de axudas é fomentar a corresponsabilidade entre mulleres e homes, apostando por conseguir un cambio de tendencia e avanzar cara unha conciliación corresponsable. Con elas, búscase chegar a un maior equilibrio no reparto dos tempos das tarefas dos coidados e, deste xeito, favorecer a empregabilidade e a promoción profesional das mulleres.
Estas axudas están dirixidas a todo tipo de unidades familiares, como as monoparentais, as monomarentais, as integradas por persoas do mesmo sexo e para os homes nos casos de familias de distinto sexo. A súa contía oscila desde os 1.700 aos 3.700 euros, en función da porcentaxe de redución da xornada de traballo e do número de menores a cargo. O máximo período subvencionable será de oito meses, comprendido entre o 1 de agosto de 2024 e o 31 de xullo de 2025.