A Xunta destina máis de 575.000 € á mellora da eficiencia enerxética do edificio xudicial do Porriño
A Plataforma de Contratos públicos de Galicia publica hoxe a licitación da obra, coa previsión de que poida empezar en xullo cun prazo de execución de catro meses
Santiago de Compostela, 27 de maio de 2025
A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe a licitación das obras de optimización enerxética no edificio xudicial do Porriño para reducir o consumo eléctrico asociado ao uso das instalacións por un importe superior a 575.000 euros.
Está previsto que a intervención, que será cofinanciada con Fondos Feder, se inicie en xullo, cun prazo de execución de catro meses. As empresas interesadas en optar ao contrato poden facelo dende hoxe, 27 de maio, ata o vindeiro 23 de xuño ás 14,00 horas. Para a adxudicación aplicarase o procedemento aberto, con pluralidade de criterios de adxudicación, por ser o mellor garante dos principios de igualdade e transparencia.
A Xunta aposta por unha xustiza con infraestruturas máis modernas e sostibles para que, de maneira progresiva, os edificios e xudiciais respondan á súa función sendo máis seguros, accesibles, funcionais e confortables. Así, contribúese a ofrecer un servizo de calidade á cidadanía nunhas instalacións que respondan ás necesidades tanto das persoas usuarias como para os profesionais da administración de xustiza.
As obras enmárcanse no conxunto de proxectos de eficiencia enerxética previstos en case unha decena de instalacións xudiciais de toda Galicia por importe de 5,6 millóns de euros. En concreto, o Goberno galego prevé levar a cabo obras, ademais de no Porriño, nos xulgados da Coruña, Lugo, Ferrol, Carballo, Viveiro, Monforte de Lemos, Vilalba, Caldas de Reis, O Carballiño e Corcubión.
Esta mellora da eficiencia enerxética é unha das principais prioridades do programa Galicia Feder 2021-2027, que alenta o sector público a servir como exemplo para diminuír o consumo de enerxía na loita contra o cambio climático.