A Xunta celebra en Quiroga o sorteo da campaña ‘Merca no teu comercio’ para apoiar o comercio local da contorna
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou hoxe na entrega dos premios da campaña Merca no teu Comercio impulsada en colaboración coa Federación Galega de Comercio nos concellos de Quiroga, Folgoso do Courel e Ribas de Sil
Quiroga (Lugo), 23 de xullo de 2025
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, acompañado polo presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, participou esta mañá no acto de entrega dos premios da campaña Merca no teu Comercio, celebrado na praza da Rúa Lago, no municipio lucense de Quiroga. Esta acción supuxo a segunda parada da iniciativa na provincia de Lugo, promovida pola Xunta de Galicia en colaboración coa Federación Galega de Comercio, co obxectivo de impulsar e dinamizar o comercio local. A campaña desenvolveuse na primeira quincena de xullo nos concellos lucenses de Quiroga, Folgoso do Courel e Ribas do Sil.
O director xeral aproveitou a ocasión para lembrar que a campaña Merca no teu Comercio continúa en marcha noutros puntos da provincia de Lugo. En concreto, permanecerá activa no municipio da Fonsagrada ata o vindeiro venres, 25 de xullo. Ademais, ata o 4 de agosto tamén estará activa nos concellos de Burela, Cervo, Covas, O Vicedo e Xove.
No acto realizouse o sorteo en directo entre os consumidores —que rexistraron as súas compras a través da web da campaña ou directamente no comercio— de 20 tarxetas prepago de 50 euros, canxeables nos establecementos participantes ata o 31 de decembro. A campaña continuará esta semana con novos sorteos esta tarde no barrio de A Ponte (Ourense), e mañá 24 de xullo en A Guarda (Pontevedra), dentro dunha programación que se desenvolverá por toda Galicia ata o 31 de outubro.