A Xunta creará unha nova plataforma para facilitar e asesorar aos clubs deportivos á hora de facer campañas de mecenado

Rueda salienta que se busca dar visibilidade ás necesidades do ecosistema deportivo e apoiar especialmente ao deporte base e minoritario

Será a través dun convenio coa Fundación Amare Terra e contará cun investimento de 560.000 €

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2025

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou hoxe de que o Consello acordou a creación dunha nova plataforma -Terra Move- para que clubes e federacións deportivas de Galicia lancen campañas de mecenado coas que obter materiais ou recursos necesarios para os seus proxectos. Unha medida que se enmarca no “impulso da Xunta á práctica deportiva, especialmente do deporte base”, nun dos “mellores momentos do deporte galego”.

Será a través dun convenio de colaboración entre a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes e a Fundación Amare Terra e contará cun investimento de 560.000 euros. A Xunta de Galicia achegará o 45 % (250.000 euros) do investimento total durante las anualidades de 2025, 2026 e 2027, nas que se desenvolverá a plataforma ata a súa consolidación e proxección.

A Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes a través da Secretaría Xeral para o Deporte participa neste proxecto co obxectivo de poñer en marcha e consolidar un novo modelo de apoio ao deporte de base e minoritario, a través do apoio estratéxico e financeiro, impulso oficial e difusión institucional. Neste sentido, a colaboración con Amare Terra resulta esencial xa que, tal e como sinalou o titular do Executivo galego, esta fundación destaca pola promoción das especialidades deportivas con menor visibilidade e menores recursos, fomentando actividades deportivas inclusivas, integradoras e non discriminatorias, así como os valores e ideais que definen o olimpismo e o paralimpismo, co obxectivo da transformación positiva da sociedade galega.

Entre as principais liñas de traballo de Amare Terra atópase o fundraising solidario para o deporte e proxectos de interese xeral. Trátase dunha acción ampla que impulsa e desenvolve un mecenado e colaboración para o fortalecemento das entidades do noso ecosistema deportivo, educativo e social, facéndoo dun xeito innovador, participativo e sostible.

O presidente apuntou que esta acción de mecenado deportivo galego desenvólvese mediante ‘Terra Move’, unha ferramenta dixital que facilita, de xeito gratuíto e solidario, a captación de fondos por parte de clubs, federacións e entidades do ecosistema deportivo galego, así como tamén de entidades culturais, educativas e sociais, para os proxectos de interese común que estes promovan a través da plataforma.

Rueda explicou que as entidades interesadas deberán rexistrarse na plataforma e “recibirán asesoramento para deseñar campañas coas que captar fondos ou material”. A plataforma servirá para dar visibilidade as necesidades do ecosistema deportivo, especialmente dos clubes máis pequenos, e tamén “canalizará as doazóns”. De feito, cada entidade recibirá de xeito directo os fondos e recursos que se recaden como doazóns para as súas respectivas campañas. Pola súa banda, os cidadáns ou empresas que realicen doazóns a través da plataforma poderán beneficiarse das deducións fiscais previstas na lexislación española.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/07/2025