A Xunta financia con máis de 226.000 euros os programas de conciliación e corresponsabilidade familiar da comarca de Caldas e o Ullán

O delegado territorial e a directora xeral de Promoción da Igualdade visitaron o programa de conciliación de Moraña

A Xunta inviste máis de 1,2 millóns nos programas de conciliación de 45 concellos da provincia de Pontevedra

Moraña, 31 de xullo de 2025

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá, acompañado pola directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana, o programa de conciliación do concello de Moraña, que está financiado pola Xunta con 21.425 € do Plan Corresponsables, cofinanciado co Ministerio de Igualdade.

Trátase dunha aposta da Xunta coa que se pretende crear un espazo de xogo, diversión e aprendizaxe para os nenos e nenas galegas, á vez que se facilita a conciliación familiar durante as vacacións escolares.  No caso de Moraña, o “Campamento de conciliación familiar 2025” que apoia o Goberno galego está en marcha entre os meses de xullo e agosto e conta con 60 prazas. Os asistentes participan en actividades de igualdade de xénero, novas tecnoloxías e acción de concienciación medioambiental, entre outras

Neste sentido, a consellería de Política Social e Igualdade inviste máis de 1,2 millóns de euros nos programas de conciliación e corresponsabilidade da provincia, dos cales máis de 226.000 corresponden aos concellos da comarca de Caldas e o Ullán. Entre os concellos beneficiados por estas axudas atópase, ademais do visitado esta mañá polo delegado e a directora xeral, Caldas de Reis, Valga; Portas; Pontecesures; Catoira; e Cuntis.

En total, son 45 os concellos da provincia de Pontevedra que se benefician destas axudas que dan servizo a millares de familias. O delegado territorial aproveitou a ocasión para destacar a importancia de levar a cabo iniciativas como esta que “facilitan a conciliación familiar e que ofrecen un espazo de diversión e socialización aos nenos e nenas nunha época que debe ser de descanso e goce”.

Pola súa banda, a directora xeral sinalou o compromiso da Xunta cun “seguir promovendo a corresponsabilidade nas familias galegas”. Por iso volveu recordar que “é incomprensible o recorte de case 50 millóns de euros do Goberno central ao Plan Corresponsables, co que Galicia deixará de recibir por parte do Ministerio 2,3 millóns de euros xa este ano”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 31/07/2025