A Xunta financia con máis de 216.000 euros os programas de conciliación e corresponsabilidade familiar da comarca do Salnés e O Ullán

O delegado territorial visitou os programas de conciliación de Meis e Ribadumia

A Xunta inviste máis de 1,2 millóns nos programas de conciliación de 45 concellos da provincia de Pontevedra

Ribadumia, 4 de agosto de 2025

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá os programas de conciliación dos concello de Meis e Ribadumia, que están financiados pola Xunta con 27.000 e 55.000 euros respectivamente do Plan Corresponsables, cofinanciado co Ministerio de Igualdade.

Trátase dunha aposta da Xunta coa que se pretende crear un espazo de xogo, diversión e aprendizaxe para os nenos e nenas galegas, á vez que se facilita a conciliación familiar durante as vacacións escolares.  

Neste sentido, a consellería de Política Social e Igualdade inviste máis de 1,2 millóns de euros nos programas de conciliación e corresponsabilidade da provincia, dos cales máis de 216.000 corresponden aos concellos da comarca do Salnés e o Ullán. Entre os concellos beneficiados por estas axudas atópase, ademais dos visitados esta mañá polo delegado, A Illa de Arousa; Cambados; Catoira; Meaño; Pontecesures; e Sanxenxo.

En total, son 45 os concellos da provincia de Pontevedra que se benefician destas axudas que dan servizo a millares de familias. O delegado territorial aproveitou a ocasión para destacar a importancia de levar a cabo iniciativas como esta que “supoñen unha axuda moi importante para todas esas persoas que durante os meses de verán teñen que conciliar a súa vida profesional co coidado dos cativos e cativas”.

Ademais, Reguera lembrou que os protagonistas destas iniciativas deben ser sempre os nenos e nenas participantes: “Aínda que o obxectivo sexa facilitar a organización interna das familias, non debemos esquecer que a diversión e socialización dos nenos e nenas ten que ser unha prioridade. Os cativos están de vacacións e teñen todo o dereito de gozar das actividades lúdicas cos seus amigos e amigas”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 04/08/2025