A Xunta inviste preto de 140.000€ nas obras de reforma estrutural da escola de Vilaza, en Monterrei
O delegado territorial explicou que as actuacións consistirán na substitución da estrutura de cuberta existente de madeira e a substitución do forxado sanitario existente
Manuel Pardo destacou que estas actuacións, encadradas na segunda fase do Plan de nova arquitectura pedagóxica, teñen por obxectivo dotar aos centros educativos da provincia de Ourense das mellores condicións para garantir unha educación de calidade
Ourense, 04 de agosto de 2025
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou esta mañá, acompañado do alcalde, José Luís Suárez, a escola de Vilaza, pertencente ao CRA Monterrei, para supervisar as obras de reforma estrutural do centro escolar nas que a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional destina preto de 140.000 euros.
O delegado territorial explicou que as actuacións consistirán na substitución da estrutura de cuberta existente de madeira e a substitución do forxado sanitario existente. Así mesmo, cambiarase parte do forxado sanitario, a cámara de ventilación entre a cimentación e o chan da escola, e intercambiarase a marquesiña existente por outra de estrutura de aceiro inoxidable e cunha cuberta de policarbonato celular co obxectivo de resgardar ao alumnado das inclemencias meteorolóxicas á hora da entrada e a saída do centro. Tamén se construirá unha entrada accesible cunha rampla exterior, e se colocará un novo falso teito desmontable para mellorar o acondicionamento acústico, así como se instalará unha nova iluminación e sinalización de emerxencias.
Manuel Pardo destacou que estas actuacións, encadradas na segunda fase do Plan de nova arquitectura pedagóxica, teñen por obxectivo dotar aos centros educativos da provincia de Ourense das mellores condicións para garantir unha educación de calidade, tamén desde o punto de vista das infraestruturas.
Ao mesmo tempo –mantivo o delegado territorial- avánzase cara a un novo modelo de centros de ensino, pioneiro, con instalacións adaptadas ás necesidades do ensino do século XXI, máis flexibles e versátiles. Apóstanse tamén por colexios e institutos máis respectuosos co ambiente desde o punto de vista do consumo enerxéticos e da súa integración na contorna.
O representante do Goberno galego tamén salientou que con esta e todas as actuacións que ten despregadas polos máis de 1.600 edificios escolares da Comunidade, a Xunta reafirma o seu compromiso coa creación de espazos máis accesibles e sostibles, orientados a beneficiar a toda a comunidade educativa.