O conselleiro de Educación felicita os alumnos recoñecidos coas bolsas Antonio Palacios ás mellores notas de acceso á Universidade no Porriño
O Porriño (Pontevedra), 5 de agosto de 2025
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, participou esta mañá no acto de entrega das bolsas Antonio Palacios 2025, un recoñecemento que o Concello do Porriño outorga aos 10 alumnos do municipio que obtivese os mellores resultados na Proba de Acceso á Universidade. O titular do departamento educativo da Xunta felicitou o Concello pola iniciativa e aos alumnos polos seus bos resultados, polos que “sodes o orgullo das vosas familias, dos vosos centros, deste concello e, en definitiva, de Galicia”. Así mesmo, puxo en valor o traballo dos equipos directivos e profesorado dos centros do Porriño, “que tamén merecen o recoñecemento por este éxito”.
Este é o primeiro ano que o Concello do Porriño convoca estas bolsas, destinadas ao alumnado que obtivo unha nota igual ou superior ao 8,5 na fase xeral da PAU, e dotadas con 300 € para cada estudante. Recoñeceuse o traballo de oito alumnas e dous alumnos, procedentes –a partes iguais– dos dous institutos públicos da localidade, os IES Pino Manso e Ribeira do Louro.