A Xunta licita as obras de humanización do núcleo de Merelle, en Trazo, cun investimento de preto de 290.000 €

O Goberno galego asume o 70 % do orzamento e executará as obras, mentres que o Concello aporta o 30 % restante do investimento

Executarase a reurbanización das rúas interiores deste núcleo e dotarase á zona de novo mobiliario urbano, ademais de abordar a posta en valor do lavadoiro en Merelle

A intervención enmárcase no Plan Hurbe, co que a Xunta apoia ás administracións locais a financiar actuacións de humanizacións e mellora das contornas urbanas

As empresas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 8 de setembro

Santiago de Compostela, 12 de agosto de 2025

A Xunta licita as obras de humanización do núcleo de Merelle, no concello de Trazo, que suporán un investimento de case 290.000 €.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle esta licitación á que as empresas poderán presentar ofertas ata o vindeiro 8 de setembro.

A intervención enmárcase nun convenio de colaboración asinado entre a Xunta e o Concello de Trazo. O Goberno galego asumirá o 70 % do custe destas actuacións e a Administración local achegará o 30 % restante.

A actuación, ao abeiro do Plan Hurbe da Xunta, centrarase neste núcleo da parroquia de Xavestre e busca poñer en valor as construcións existentes e a súa contorna, de gran valor paisaxístico.

Levarase a cabo a reurbanización das rúas interiores desta vila do municipio coruñés e instalarase novo mobiliario urbano. Ademais, porase en valor do lavadoiro existente en Merelle, ao que se lle aplicará un lavado dos seus muros.

Os traballos completaranse coa instalación de novos colectores de pluviais e de augas residuais e co soterramento dos servizos de electricidade, alumeado e telecomunicacións.

A Xunta, a través do Plan Hurbe, está a apoiar ás administracións locais para financiar diferentes tipos de intervencións urbanísticas, actuacións de mellora de contornas urbanas, de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas e de equipamentos públicos que teñan por finalidade a revitalización do territorio e o reequilibrio territorial.

Data de actualización: 12/08/2025