A Xunta avanza na tramitación do novo plan sectorial eólico coa proposta de adxudicación á UTE Arenal - Territoria - Atalaya Eólico Galicia
Galicia poderá contar cun novo plan no prazo de tres anos e tras máis de 20 de vixencia do actual para facer fronte aos retos xurídicos que ten o sector
A nova ferramenta permitirá avanzar no abaratamento da factura eléctrica a empresas e consumidores galegos en liña co establecido na Lei de recursos naturais de Galicia
Santiago de Compostela, 22 de agosto de 2025
A Consellería de Economía e Industria vén de facer pública a proposta de adxudicación á Unión Temporal de Empresas (UTE) Arenal, Territoria e Atalaya Eólico Galicia, por un importe de 544.500 euros, do contrato para o apoio na elaboración do novo Plan Sectorial Eólico de Galicia (PSEG), que permitirá ao Goberno galego seguir avanzando no despregamento desta fonte de enerxía renovable ao tempo que se abarata o prezo eléctrico para as empresas e consumidores galegos, en liña co establecido na Lei de recursos naturais de Galicia.
A elaboración do novo plan obedece á necesidade de adaptar a realidade galega ás últimas modificacións lexislativas europeas e dotar, deste xeito, de seguridade xurídica adicional ao desenvolvemento enerxético na comunidade. Así mesmo, o futuro PSEG revisará e actualizará as actuais áreas de desenvolvemento enerxético coas áreas de desenvolvemento industrial, atendendo tamén ás zonas de protección ambiental e o desenvolvemento urbanístico.
A resolución da adxudicación á UTE Arenal – Territoria – Atalaya Eólico Galicia será firme no prazo de 15 días de non presentarse recurso especial de contratación. Deste xeito, Galicia poderá contar cun novo plan sectorial no prazo de tres anos. Un procedemento transparente, aberto á cidadanía e que require de avaliación ambiental estratéxica e consulta e audiencia a todos os posibles actores interesados no procedemento, o que suporá unha maior garantía ambiental para a cidadanía e para os promotores.
No marco de actualización do plan sectorial eólico de Galicia tamén está prevista a posta en marcha de dúas mesas de traballo: unha coas entidades máis representativas do sector eólico na Comunidade e, no marco do diálogo social, se creará un grupo de traballo específico sobre eólica que dependerá da Mesa da Industria. En ambos foros se traballará ao redor de varios eixos, entre eles:
- posibilidades de creación dunha industria de compoñentes
- análise das zonas con potencial eólico
- repercusións da repotenciación nos propietarios dos terreos afectados
- redución dos costes enerxéticos para os consumidores
- reconversión do sector: mantemento e creación de postos de traballo
O vixente Plan Sectorial Eólico de Galicia foi aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o 5 de decembro de 2002 (modificado por Acordo do Consello da Xunta de 2 de xuño de 2005). Neste período a evolución da tecnoloxía eólica foi moi significativa, o que modifica substancialmente o potencial aproveitable en Galicia con respecto ao que se consideraba no momento da súa aprobación.